Concello de Sanxenxo - LAGO REÚNESE COAS ANPAS PARA ABORDAR O PLAN DE CONCILIACIÓN PARA ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Varios colectivos escolares xa se mostraron interesados en organizar ludotecas nos seus respectivos centros educativos

A concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago, reuniuse esta semana coas ANPAS dos colexios públicos de O Cruceiro, A Florida, Magaláns, Portonovo e Nantes para abordar o plan de conciliación para este verán. No encontro ao que non puido asistir ningún representante do colectivo de O Telleiro, algunhas Anpas xa se mostraron interesadas en organizar ludotecas nos seus respectivos centros educativos.

Trátase de recuperar aos poucos a normalidade tras dous anos de pandemia e que as Anpas que, así queiran, poidan retomar a organización das ludotecas de verán, sempre contando coa colaboración do Concello. O obxectivo é que as familias poidan saber canto antes a oferta dispoñible e poidan organizarse este verán cun plan que lle permita conciliar vida familiar e laboral. A mesa de traballo formada por Concello e Anpas seguirán perfilando a proposta nas próximas semanas.

Doutra banda, o 22 de marzo conclúe a presentación de solicitude de admisión dos alumnos que entran, por primeira vez, no sistema educativo. A concelleira Paz Lago enviou ás familias unha carta acompañada dun anexo informativo sobre os prazos e a documentación requirida para a matriculación.
Entre o 25 de marzo e o 7 de abril deberase presentar a documentación acreditativa dos criterios de baremo. Antes do 25 de abril publicarase as listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido e non será ata o 15 de maio cando se publiquen as listas definitivas. Entre o 20 e o 30 de xuño as familias deberán formalizar a matrícula.

A solicitude deberá ir acompañada do DNI do alumno e demais membros da unidade familiar, libro de familia e, de ser o caso, convenio regulador ou resolución xudicial de separación ou divorcio.

Sanxenxo conta con 7 centros educativos públicos: A Florida, Portonovo, O Cruceiro, Telleiro, Nantes, Magaláns e a Escola Unitaria de Aios. Ademais, tamén dispón dun centro educativo concertado en Portonovo, o colexio Abrente.

0
0
0
s2sdefault