Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ULTIMA O LANZAMENTO DUNHA LIÑA DE PRODUTOS PROPIA BAIXO A MARCA SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A oficina de Turismo situada no porto remodelarase para que poida acoller a actividade informativa e a de venda de artigos

Co obxectivo de potenciar a imaxe da marca Sanxenxo, o Concello ultima o lanzamento dunha liña de produtos propia que se converterá nunha nova ferramenta de promoción turística do municipio. Baixo os estándares de sustentabilidade e calidade, veciños e visitantes poderán lucir en distintos produtos como gorras, bolsos ou toallas da marca Sanxenxo na que se manterá a tipografía oficial, para que sexa facilmente identificable co municipio, e a dobre "X", logo utilizado desde fai xa máis dunha década por Turismo de Sanxenxo.

Cun logo e nome plenamente asentado e coñecido, o Concello encargou un estudo do target ou público potencial ao que se destinará a liña de produtos inicial e que podería ampliarse a medida que se consolide o proxecto. A idea do goberno é iniciar esta aposta con poucos produtos, coidadosamente seleccionados e de calidade, respondendo á demanda que moitos turistas realizan durante a súa visita a Sanxenxo.

Xunto á calidade e sustentabilidade ambiental no proceso de elaboración do produto, o packaging ou envoltorio será outro dos aspectos que se coidará no proceso de venda. Cada liña de produto asociarase a unha cor diferente.

Punto de venda
A oficina de Turismo situada no porto deportivo de Sanxenxo cobrará unha maior visibilidade tras a reforma que levará a cabo para que poida acoller o punto de venda dos produtos e, á vez, manter o carácter informativo. Ambas as actividades, a comercial e a turística convivirán nun espazo que será reformado para que ambas poidan potenciarse e mellorar o servizo que actualmente xa se presta.

O obxectivo que persegue o goberno é que este mesmo verán xa se poidan pór no mercado as primeiras pezas baixo a marca Sanxenxo

0
0
0
s2sdefault