Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A DERRIBA DA ESTRUTURA EXTERIOR DO VELLO MERCADO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos de demolición prolongaranse durante 4 días e a estes seguirán a retirada de rebo

O edificio do vello mercado de Sanxenxo ten os días contados na Rúa Madrid. Esta mesma tarde comezarán as tarefas de derriba da estrutura exterior dun inmoble construído en 1950 e que albergou a praza de abastos de Sanxenxo ata o pasado mes de febreiro. Unha vez trasladados os vendedores ao local provisional na Rúa Progreso, o Concello comezou coas tarefas de baleirado interior do inmoble, desmonte da cuberta e agora é a estrutura exterior a que pasa pola piqueta.

Os traballos prolongaranse durante os próximos días e darán comezo polo lateral do edificio lindeiro coa Rúa Constitución polo que se cortará o tráfico neste viario de forma puntual por cuestións de seguridade e volverase a abrir unha vez se avance coa demolición. Unha vez derrubado o edificio, retirarase todo o cascallo e valarase o espazo.

A derriba realízase despois dun estudo previo do estado das vivendas e baixos lindeiros para realizar os traballos con total garantía.

O novo mercado ten un orzamento de execución superior aos catro millóns de euros. A opción preferente do goberno para o financiamento do mercado son os fondos europeos xa que o proxecto obtivo unha boa puntuación e espérase que na próxima convocatoria poida ser financiado por esta vía, aínda que xa mantivo tamén contactos con outras administracións.

O proxecto gañador do concurso de ideas para reformar edificio do mercado de abastos por Sanxenxo foi elaborado polo arquitecto Toni Bosch Miquel, do estudo de arquitectura Gemma de Lleida.

A proposta ofrece un deseño translúcido e sustentable, cun modelo enerxético bioclimático e funcional que contará con amplos espazos diáfanos adaptables a distintos usos.

0
0
0
s2sdefault