Concello de Sanxenxo - O SECTOR TURÍSTICO DE SANXENXO REACTIVA O PORTAL MUNICIPAL DE EMPREGO CON MÁIS DE 90 OFERTAS PARA SEMANA SANTA, FINS DE SEMANA E VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os interesados poden consultar o Boletín de Emprego de Sanxenxo na web do Concello e nas redes sociais municipais

A menos dun mes para Semana Santa, o sector turístico de Sanxenxo comeza a mover ficha para contratar a persoal para as distintas áreas do seu negocio, a maioría destes traballadores quedarán xa de forma continuada os fins de semana para logo seguir durante a tempada estival, e algúns xa de forma indefinida ata outubro. Na actualidade, hai 98 ofertas laborais en Sanxenxo, destas 93 son de camareiro, axudante de cociña, cociñeiro, camareira de piso ou recepcionista. O resto teñen que ver co sector da construción, o comercio ou a pesca.

O departamento de Emprego municipal xa comezou a reflectir esta demanda no Boletín de Emprego de Sanxenxo que se publica semanalmente na web do Concello e nas redes municipais. Os interesados nas ofertas poden consultalo nestes medios ou acudir á oficina de Emprego que se sitúa no Pazo de Emilia Pardo Bazán, na segunda planta e en horario de atención ao público, de 9 a 14 horas, ou no teléfono 986 72 79 36.

Sanxenxo rexistrou en febreiro 1.040 parados, a cifra máis baixa en termos absolutos de desemprego no segundo mes do ano dos últimos 14 anos sen ter en conta o aumento de poboación experimentado desde 2008. Destes veciños en paro, 460 son homes e 580 son mulleres. En canto á idade, 460 son menores de 25 e 580 maiores de 25 anos. Os datos recolleitos na Consellería de Emprego detalla o paro por sectores: Agricultura (32), industria (93), construción (65), servizos (816) e sen emprego anterior (34).

Bolsa de Nauta
Doutra banda, lembrar que Nauta Sanxenxo convocou unha bolsa para a contratación de persoal para o parking, oficina e mariñeiría. A listaxe de traballadores que pasen as probas servirá como reserva cando sexa necesario o reforzo do persoal porque haxa unha maior carga de traballo, por substitución ou por necesidades puntuais nalgún dos departamentos.
A bolsa de emprego terá unha vixencia ata o 31 de decembro de 2025. As instancias poderán presentarse ata o 24 de marzo e nela deberase indicar a que bolsa de emprego quérese optar. A selección contará cunha proba escrita eliminatoria o próximo 28 de marzo e unha proba oral.

0
0
0
s2sdefault