Concello de Sanxenxo - A CREACIÓN DA SENDA FLUVIAL DE DORRÓN COMEZARÁ EN MAIO E SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE CASE 400.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Máis de medio centenar de veciños acudiron esta mañá á presentación da senda fluvial de Dorrón mostrando o alto interese e expectación nun proxecto que potenciará os valores naturais da parroquia desde as inmediacións da praia de Areas ata o Muiño de Xián. A actuación, financiada pola Consellería de Medio Ambiente, dará comezo o próximo mes de maio, terá un prazo de execución de 5 meses e suporá un investimento de 391.928 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez e o alcalde, Telmo Martín, presentaron o proxecto acompañados do delegado da Xunta, Luis López; o xefe territorial de Medio Ambiente, Jose Manuel González, e varios membros do goberno como os concelleiros Óscar Vilar, María Deza, Flavia Besada, Juan Deza e Jaime Leiro. No acto tamén estiveron representantes da Asociación de Veciños de Dorrón e a Asociación Cultural Soalleira, entre outros moitos veciños.

O alcalde explicou os seus tres grandes compromisos con Dorrón. "Este goberno, conselleira, ten comprometidos tres grandes proxectos con esta parroquia: O campo de fútbol, o campo de festas e esta ruta fluvial. A máis demandada é esta que estamos a presentar hoxe aquí porque vertebra toda a parroquia dende a praia ata a parte máis alta de Dorrón", asegurou. O rexedor agradeceu a implicación veciñal neste proxecto con case 300 cesións e que foron "colaboradores necesarios para que esta senda poida ser unha realidade". "Estou convencido de que esta ruta que poderán gozar os veciños durante todo o ano, convertirase nun importante reclamo turístico porque con ela potenciarase a beleza e o patrimonio do interior do noso municipio. Esta senda enmarcase dentro do noso slogan turístico "Sanxenxo, 365 días diferentes", indicou.

Pola súa banda, a conselleira asegurou que este "corredor pola natureza permitirá gozar do medio ambiente e dinamizar, aínda máis se cabe, a economía local".

O proxecto contempla a roza manual e selectiva da vexetación, a eliminación das especies invasoras, así como a mellora de hábitats como a herba da Pampa, cana, xuncos, orella de gato... A senda contará cun ancho aproximado de 2 metros con pavimento sobre zahorra. A senda contará ao longo do trazado con actuacións como as construcións de muros de mampostería, recuperación de pasos de pedra, pasos de madeira, pasarelas e varandas de madeira.

A ruta sinalizará os lugares de interese, así como o percorrido a través de 10 paneis informativos e dúas unidades de carteleira con tellado. Farase tendo en conta o manual de carreiros da Federación Galega de Montañismo para a súa posterior homologación. Algúns dos puntos que se recollerán na señalética serán os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, así como a igrexa de San Pedro de Bordóns, o lavadoiro de Outeiro, a igrexa de San Xoán de Dorrón ou o cruceiro de Quintáns.

0
0
0
s2sdefault