Concello de Sanxenxo - A PRAZA DOS BARCOS ACOLLERÁ EN SEMANA SANTA UNHA "FEIRA DE OPORTUNIDADES" CON 25 POSTOS DO COMERCIO LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



Entretendas e o Concello consolidan a cita no calendario de actividades do municipio

A Praza dos Barcos acollerá os próximos 14, 15 e 16 de abril unha Feira de Oportunidades cun total de 25 postos, dez máis que na última edición. Unha cita que se consolida no calendario feiral de Sanxenxo e que servirá para a liquidación de stocks da tempada de inverno do comercio local. Os produtos serán variados desde roupa para distintas idades ata calzado, artigos de bixutaría ou decoración con importantes descontos que resulten atractivos aos potenciais compradores.

A cita, organizada por Entretendas en colaboración co Concello de Sanxenxo, obtivo o visto e prace esta semana da Mesa Local de Comercio celebrada no salón de plenos municipal. Trátase da segunda edición que se realiza na Praza dos Barcos, unha localización que resultou ser un éxito o pasado mes de setembro e que agora se volve a repetir en lugar da Praza do Mar.

O concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, asegura que se trata de "unha actividade plenamente consolidada no calendario do municipio. Este ano retoma as súas datas habituais en Semana Santa e creo que será algo beneficioso tanto para o comercio como para os compradores".

Desde Entretendas esperan que esta feira axude a recuperar as "perdas ocasionadas na campaña de inverno porque foi especialmente dura e de vendas escasas".

A feira colocarase en forma de U na praza e terán un horario continuado de 11 a 22 horas.

0
0
0
s2sdefault