Concello de Sanxenxo - BALTAR ACOLLERÁ O PRIMEIRO CAMPIONATO DE SKATE CON MÁIS DE 60 INSCRITOS E CATRO MODALIDADES DIFERENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita deportiva celebrarase o vindeiro sábado 16 de abril, entre as 10 e as 21 horas

A pista de skate park de Baltar acollerá o vindeiro sábado 16 de abril o primeiro campionato deste deporte urbano con máis de 60 inscritos e catro modalidades diferentes: Skate Sub, Scooter Open, Skate Open e Skate Prol. Dous mozos do municipio, Nicolás López e Iván Ortigueira, coa colaboración do Concello de Sanxenxo organizan a cita "Rakayo x 5AV. Skate Open" na que participarán profesionais de recoñecido prestixio neste deporte como Jorge Rodríguez e virán participantes de distintos puntos de Galicia.

A cita arrincará ás 10 horas e prolongarase ata as 21 horas. Haberá premios en metálico, bonos desconto e repartiranse 18 trofeos entre os mellores de cada categoría. No propio recinto poderase adquirir merchandising deste deporte e da propia marca de roupa Rakayo, fundada polos organizadores do campionato. "Cremos que non é necesario esperar a ter 30, 40 0 50 anos para propor ideas e organizar eventos. Temos 22 anos, pero fai 2 xa fundamos nosa propia marca de roupa e consideramos que hai que facer cousas polo noso pobo", asegura Nicolás López.

Esta proba que aspira a consolidarse no calendario deportivo de Sanxenxo realizarase nunhas instalacións que os organizadores cualifican como "únicas en Galicia" e que atraen por centos de visitantes cada fin de semana de distintos puntos da provincia.

O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, destacou "o emprendemento e as gañas da xente nova que vén ao Concello con ideas innovadoras como estas e que estamos encantados de apoiar".

0
0
0
s2sdefault