Concello de Sanxenxo - A PRIMEIRA FASE DAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DO COLEXIO DE PORTONOVO ARRINCA ESTE LUNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A empresa adxudicataria dos traballos, Narom, iniciará a actuación nun tramo da Rúa Areal que se cortará ao tráfico rodado, pero non ao peonil.

A primeira fase das obras de humanización da contorna do colexio de Portonovo arrincará este luns. A empresa adxudicataria dos traballos, Narom, iniciará a actuación no primeiro tramo da Rúa Areal, desde a entrada pola PO-308 ata o cruzamento co viario da praza do mercado, que se cortará ao tráfico rodado, habilitando só un acceso ao único garaxe que se atopa neste tramo, e garantindo en todo momento o paso peonil.

A execución dos traballos comeza máis tarde do previsto debido aos problemas coa subministración e os efectos da folga de transporte, pero coa intención de que poidan estar concluídas a mediados do mes de xullo, reducindo considerablemente o prazo inicial previsto de 6 meses. A obra suporá unha completa transformación deste tramo do núcleo urbano de Portonovo onde se concentra unha gran actividade económica e educativa.

A obra foi adxudicada por 833.600 euros e a licitadora incluíu algunhas das melloras propostas a maiores do plan básico no referente ao acceso peonil do centro escolar. Para iso, o Concello conta cunha axuda de 500.000 euros do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra e o resto, ata os 833.600 euros, achegarase das arcas municipais.

En concreto, trátase de actuacións relacionadas cos pavimentos e o mobiliario urbano, contemplando a instalación dun banco urbano alargado con posibilidade de colocarlle unha conexión USB para a carga de dispositivos móbiles, e papeleiras de aceiro inoxidable. Tamén co muro de peche perimetral, demolendo o existente de ladrillo e substituíndoo por un valado con reixa e malla electrosoldadas, así como a instalación dunha nova cancilla de entrada dunha folla abatible.
Entre as claves da obra están a renovación de practicamente a totalidade da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, así como a substitución de toda a rede de iluminación pública, coa instalación de 67 novos farois ou báculos. Ademais, ampliaranse e mellorarán as beirarrúas, separando o espazo de iluminación e os sinais de circuítos de tránsito.
A reforma inclúe espazos peonís e de cruces con baldosas de granito, a creación de zonas axardinadas e ampliación das existentes. A rúa Areal manterá a súa dobre dirección, a rúa Espiñeiro terá sentido único desde Rafael Picó á rúa Areal. Outro cambio é o sentido da circulación da travesía de Areal, agora ten sentido de entrada e pasará a ser de saída que utilizará o bus de transporte público que parará na marquesiña.
Os arquitectos que desenvolveron o proxecto fan especial énfase na mellora da praza do mercado, que inclúe o espazo de aparcadoiro, a marquesiña e a zona verde adxacente a ambas.

0
0
0
s2sdefault