Concello de Sanxenxo - ANPAS E CONCELLO PORÁN EN MARCHA O PROGRAMA "CONCILIANDO" ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As ANPAS e o Concello de Sanxenxo porán en marcha este verán o programa "Conciliando" para garantir que as familias do municipio poidan compaxinar a vida familiar e laboral.

Tras varias reunións mantidas entre a concelleira de Educación, Paz Lago, e as asociacións dos centros educativos Magaláns, O Cruceiro, Noalla-Telleiro, A Florida e Portonovo, e previo á decisión dos colectivos de levar a cabo a iniciativa este ano, acordáronse as condicións e características do servizo.

Así, tomando como referencia a experiencia de anos anteriores definiuse unha franxa horaria mínima para conciliación de 8:00 a 14:30 horas, excepto en Portonovo que se transforma en 8:30 a 15:00 horas. O custo desta franxa horaria é de 130 euros para o usuario socio da ANPA que o realice. Se non é socio, terá un incremento de 10, 15 ou 20 euros, dependendo da ANPA que o organiza e da opción que elixa. Prevese a posibilidade de incrementar unha hora e media máis, entre as 16 e as 17 horas, cun custo adicional de 40 ou 50 euros sobre o prezo mensual. Unha opción que as ANPAS están dispostas a pór en marcha, se teñen unha demanda mínima. Contémplanse ademais descontos por 2º fillo.

Ademais dos meses de xullo e agosto, o programa Conciliando da ANPA San Xinés (Florida) e a ANPA O Espiñeiro (Portonovo) ofrecen este servizo entre o 23 e 30 de xuño e o 1 e 7 de setembro por un prezo de 40 ou 75 euros se se elixen ambos os períodos ou de 50 e 85 euros se non é socio. Para información concreta e detallada cada ANPA publicará un cartel onde figuran: Lugar, horarios, prezos e un contacto directo.

O Concello asumirá o 20% do custo total dos dous meses (xullo e agosto conxuntamente ) no horario fixado de conciliación a todos os usuarios que estean matriculados nun CEIP do Concello de Sanxenxo ou estean empadroados no municipio, que se descontará no recibo de cada usuario. Ademais, colaborará coa limpeza de cada un dos espazos destinados ao programa nos centros educativos


A concelleira de Educación, Paz Lago, destaca que "a implicación das ANPAS e o traballo conxunto con todas elas dou como resultado a oferta en case todas as parroquias. Facilitamos ás familias varias opcións para que poidan elixir a que mellor se adapte a súa situación persoal".

0
0
0
s2sdefault