Concello de Sanxenxo - O INTERESE E A ATENCIÓN MEDIÁTICA XERADA POLA VISITA DO REI JUAN CARLOS TRADUCIUSE NUNS DATOS DE OCUPACIÓN E CONSUMO SUPERIORES AO HABITUAL NESTAS DATAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A ocupación hostaleira e do parking avalan o impacto inmediato, aínda que se prevé que sexa aínda maior durante os próximos meses

Desde que se coñeceron as primeiras informacións sobre a posible visita do Rei Juan Carlos non houbo día nin hora na que as televisións, as radios e os xornais non estivesen informando e ofrecendo imaxes de Sanxenxo. O impacto mediático desta ampla e favorable cobertura sumou unha audiencia de decenas de millóns de persoas que o Concello de Sanxenxo dará a coñecer en canto se peche a recompilación de datos. Informativos, magacíns, programas de entretemento e do corazón falaron de Sanxenxo e, nalgúns casos, retransmintido en directo horas de televisión co porto deportivo, a ría e distintos espazos do municipio como fondo.

O alcalde, Telmo Martín, quere expresar o sentimento xeral dos veciños. "Estamos moi agradecidos aos medios de comunicación que transmitiron a toda España a beleza e a hospitalidade de Sanxenxo. Moitas grazas de corazón", asegura. Máis de 200 medios de comunicación acreditados é un feito sen precedentes en Sanxenxo. O exemplo que máis se achega a este seguimento informativo é a Volvo Ocean Race que en 2005 concentrou a metade dos medios que agora se desprazaron. Entón a atención informativa centrouse nun día ou dous, coincidindo coa celebración da regata previa á saída. Nesta ocasión foi durante unha semana e, especialmente, desde a chegada de Don Juan Carlos o xoves e ata o domingo, período no que Sanxenxo foi o foco mediático e informativo dentro e mesmo fóra de España.

O interese xerado pola visita e a atención mediática traduciuse nuns datos de ocupación e consumo moi superiores ao que é habitual na semana de maio das Letras Galegas. Os hoteis estiveron en moitos casos ao completo e noutros cun nivel de ocupación moi alto o que supón unha media que supera o 80% como manifestou o presidente do CETS, Alfonso Martínez. Outro dato significativo foi a recadación do parking esta semana, un 131% máis que a mesma semana en 2019 antes do Covid. Tamén houbo incrementos importantes no consumo de auga e na xeración de lixo.
"Cremos que o mellor aínda está por chegar. Sanxenxo notarao nas vindeiras semanas e meses", sinala Martín. As imaxes de gran beleza que as televisións ofreceron da nosa costa, os encomios que os reporteiros e os presentadores dos programas fixeron sobre a hospitalidade e a gastronomía de Sanxenxo axudará a que moitas familias españolas teñan a curiosidade de vir coñecer o lugar que elixiu o Rei Juan Carlos para pasar os seus primeiros días en España despois de case 2 anos no exterior.

0
0
0
s2sdefault