Concello de Sanxenxo - COMEZAN AS OBRAS DO PECHE E ASEOS NA PISTA POLIDEPORTIVA DO COLEXIO DE NANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A obra de peche e construción da pista polideportiva do colexio de Nantes arrincou esta semana cos traballos previos e o valado do espazo para evitar o acceso dos alumnos ao recinto. O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, supervisaron o inicio da actuación que foi adxudicada por case 250.000 euros á empresa Castro Figueiro. A obra consiste en dotar de aseos, así como un almacén para equipamento deportivo, cerramento e carpintaría exterior á pista polideportiva cuberta executada nunha primeira fase.

O cerramento exterior da edificación realizarase a base de paneis prefabricados de formigón macizos, acabado en cor gris liso de molde para pintar pola cara exterior e gris con regulado manual. En canto á carpintaría exterior realizarase con aluminio anodizado en cor e contempla 15 xanelas (5 de corredera) e un total de 14 portas para baños, entradas e almacén.

O proxecto recolle un módulo de aseos a base de muretes de bloques de formigón, en cor gris para revestir e laxa prefabricada alveolar. A edificación dotarase da instalación eléctrica e de iluminación a base de proxectores LED de última xeración.

No exterior da edificación, contémplase a urbanización cun firme perimetral de zahorra artificial compactada e dunha beirarrúa de formigón armado con acabado raiado, pola fachada de acceso ao pavillón. Así mesmo instalarase unha rede de recollida de augas pluviais e unha canalización para augas residuais.

A actuación culminará coa instalación dun pavimento deportivo de alta resistencia, nunha superficie de 1.152 metros cadrados, así como a marcaxe e pintado de campos regulamentarios de fútbol sala e de baloncesto.

O Concello de Sanxenxo agradece a colaboración veciñal para que este proxecto sexa unha realidade. Cabe lembrar, que a pista se construíu sobre unha parcela de terreo comunal que foi cedida á administración local para a execución do pavillón, un equipamento moi demandado pola comunidade educativa de Nantes.

0
0
0
s2sdefault