Concello de Sanxenxo - PORTONOVO SUMA UN NOVO ESPAZO DEPORTIVO MULTIDISCIPLINAR EN CANELAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, visitaron o novo espazo biosaudable

Portonovo conta xa cun novo espazo deportivo e multidisciplinar en Canelas. As obras do novo equipamento concluíron cunha nova área cun circuíto de aparellos biosaudables e de calistenia. O investimento ascende a 40.000 euros, dos que case o 60% foi sufragado cunha subvención do GDR Salnés Ulla-Umia e o resto con fondos municipais.

O alcalde, Telmo Martín, e Juan Deza visitaron as novas instalacións coas que se dará resposta á demanda de equipamentos deportivos que permitan o exercicio ao aire libre de maiores e novos. "Dende ou Concello buscamos fomentar a práctica deportiva a distintas idades con espazos ao aire libre que están plenamente integrados en zonas urbanas. Este parque vén a completar a oferta lúdica deportiva dende os 3 ata os 100 anos no municipio", asegura Martín.

O parque conta con módulos colocados de forma secuencial para que se vaian traballando os grupos musculares do tren superior e inferior e do tronco. Así, instalouse unha área de calistenia nun espazo diferenciado dentro do mesmo espazo deportivo e un parque biosaudable con bicicleta estática, unha roda grande, dous pedais estáticos, unha cadeira para adestrar pectorais, un esquí de fondo, un remo, un slalom, un xiro de cintura e uns patíns.

Cabe lembrar que nese espazo atopábase un parque infantil xa moi deteriorado e con pouco uso polo que se optou por un equipamento alternativo que cubra unha franxa de idade diferente e que tamén demanda equipamentos biosaudables.

O Concello prevé sacar en breve a licitación a mellora dos 25 parques infantís tras a realización dunha análise das zonas de xogo no que se detectaron diversas deficiencias e desgaste polo uso. A Concellería de Medio Ambiente xa elaborou os pregos que sairán a concurso por algo máis de 100.000 euros. O contrato incluirá tamén tarefas de mantemento pola empresa que leve a cabo os traballos durante polo menos un ano.

0
0
0
s2sdefault