Concello de Sanxenxo - DOUS ALUMNOS DA FP DE AUTOMOCIÓN DE VILALONGA LOGRAN MEDALLA DE PRATA NO "1º CAMPIONATO FP BÁSICA SKILLS GALICIA 2022"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Adrián Castro, de Aios, e Cristian Troncoso, de Vilalonga, participaron na competición que congregou a 111 alumnos de toda Galicia

Dous alumnos de 2º de FP Básica de Automoción de Vilalonga alzáronse esta mañá coa medalla de prata polo seu bo facer e rapidez na proba de mantemento de vehículos do "1º Campionato FP Básica Skills de Galicia 2022". Adrián Castro, de Aios, e Cristian Troncoso, de Vilalonga, ambos de 17 anos, participaron na competición que congregou a un total de 111 alumnos de toda Galicia. A súa pericia na montaxe e desmonte de pezas nun total de 6 probas diferentes fíxolles merecedores do premio.

Esta mañá acudiron á entrega de premios en Santiago acompañados do seu titor, Fernando Prado Santamaría, e o xefe do departamento, Rafael Domínguez, que non ocultaron a súa satisfacción polo premio conseguido polos dous alumnos na única categoría na que participou o centro formativo. "Fixeron un moi bo traballo e quedaron a apenas unhas centésimas do ouro", explicou Domínguez.

Este novo recoñecemento para o módulo de FP de Vilalonga chega apenas unhas semanas despois da celebración do IX Foro de Innovación de Automoción organizados polo centro e ao que acudiron máis de 130 alumnos de FP de Galicia. O centro de formación vilalongués é xa un referente en innovación e investigación. O seu proxecto "Maqueta didáctica de sonido Furgolonga" foi un dos 13 proxectos premiados en Innovación Didáctica en 2021 pola Xunta de Galicia. O proxecto baséase en dotar á furgoneta de paneis demostrativos e interactivos que faciliten o proceso de ensino e aprendizaxe a todo o alumnado en xeral e, particularmente, ao que ten dificultades sensoriais (auditiva ou visual), alumnado con necesidades como trastornos de déficit de atención e hiperactividade (TDAH), trastorno do espectro autista ou trastornos de aprendizaxe (dislexia e discalculia).

Tamén o ano pasado lograron o premio "Best Sprint" polo deseño e innovación dun kart no que colaborou o alumnado de todo o centro nun proxecto transversal.

0
0
0
s2sdefault