Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO TEN EN EXECUCIÓN OBRAS POR 2,7 MILLÓNS DE EUROS EN 4 PARROQUIAS DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo mantén en execución, nestes momentos, obras e melloras no municipio por 2.729.918 euros. Son 4 as parroquias nas que se concentran os traballos: Portonovo, Sanxenxo, Nantes e Noalla.

En Portonovo está a acometerse a obra de humanización da contorna do colexio e do mercado. A obra suporá unha completa transformación e unha mellora da seguridade neste tramo do núcleo urbano de Portonovo onde se concentra unha gran actividade económica e educativa. A empresa adxudicataria, Narom, realizará os traballos por 833.600 euros, 500.000 euros achegaraos a Deputación de Pontevedra a través do Plan Deporemse e 333.600 euros, o Concello.

En Nantes aos traballos da senda que unirá O Vinquiño e Contumil uniuse esta semana a execución do peche da pista polideportiva do colexio de Nantes, ambas as obras avanzan a bo ritmo. A senda estenderase a algo máis dun quilómetro e suporá unha importante mellora de seguridade coa creación dun itinerario seguro, zonas de descanso e ensanche da calzada. O custo da actuación é de 497.764 euros. A obra está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos municipais. O peche, así como a construción dun almacén para equipamento deportivo e aseos na pista polideportiva do colexio de Nantes será acometido con fondos municipais.

En Noalla está en plena execución a senda peonil desde a igrexa de Santo Estevo e ata o acceso á praia da Lanzada que implicará unha importante mellora en seguridade viaria nesta contorna moi transitada por veciños e visitantes. As obras son froito do convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo. A institución provincial asume o 70% da actuación e o Concello corre co 30% restante.

Na vila de Sanxenxo, atópanse en marcha dúas obras: A humanización da Rúa Unión e os viarios adxacentes, situados na parte traseira do consistorio, adxudicada por 287.277 euros, financiada a través do Plan Concellos, e a renovación e mellora do Paseo dos Barcos. Unha actuación que mellorará a fachada marítima do municipio coa renovación da pasarela de madeira, así como a súa estrutura. Tamén se inclúe a renovación do mobiliario.

Novo parking en Vilalonga
Os veciños de Vilalonga xa poden gozar dun novo aparcadoiro público no centro urbano da parroquia. O Concello habilitou nunha leira de 1.638 metros cadrados, cedida gratuitamente, setenta prazas para vehículos.

0
0
0
s2sdefault