Concello de Sanxenxo - SANXENXO PRESENTARÁ O PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO VELLO COLEXIO DO CRUCEIRO AOS FONDOS NEXT GENERATION
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno expuxo a actuación aos colectivos implicados en varias reunións e escoitou as súas propostas

O Concello de Sanxenxo presentará esta semana o proxecto de rehabilitación do vello colexio do Cruceiro a unha nova convocatoria dos fondos Next Generation dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais. O goberno aspira a unha axuda de 3 millóns de euros para acometer a actuación no edificio que inclúe un centro social para os xubilados, unha nova biblioteca e un centro de Formación Profesional Dual de Hostalaría e Restauración.

As concelleiras de Planificación Territorial, María Deza, e de Educación e Cultura, Paz Lago, mantiveron encontros coas traballadoras das bibliotecas municipais, representantes da Asociación de Xubilados de Vilalonga, así como o director do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza e o director e subdirectora do IES de Vilalonga. Tamén acudiron a estas reunións representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo. Nestas reunións nas que estivo a arquitecta local, Irene Campo, serviron para exporlles o proxecto previsto nas vellas instalacións para converter o edificio nun centro interxeneracional e con capacidade de brindar contidos e actividades moi enriquecedoras para os seus usuarios.

O proxecto contempla para a biblioteca unha área de estudo, unha zona de consulta e exposición, unha área infantil, unha sala de informática, un arquivo e baños. Ademais, contempla no exterior unha zona verde de estancia para lectura ao aire libre con bancos.

En canto ao centro social para os xubilados de Vilalonga, onde estaba o antigo ximnasio do centro educativo, prevese unha pista de baile e zona de conferencias, un escenario elevado, unha cafetaría con cociña, un salón, un roupeiro, uns baños e un pequeno camerino para músicos ou conferenciantes.

Na 1ª e 2ª plantas do edificio proxéctanse as sesións prácticas da FP Dual de Hostalaría e Restauración. Durante a reunión expúxose a distribución do espazo no que se inclúen aulas, despachos, vestiarios e sala de profesores e dirección, así como un economato. Na segunda planta, prevese un taller de restaurante bar e un taller de cociña con cociña quente, almacén e lavado de alimentos, cuarto frío, panadaría e repostaría.

0
0
0
s2sdefault