Concello de Sanxenxo - OLLLARES DE PORTONOVO LEVA Á PRAZA PASCUAL VEIGA PRETO DE 200 FOTOGRAFÍAS ANTIGAS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A mostra recolle imaxes da vila e dos seus veciños de principios do século XX

Un repaso á historia de Sanxenxo a través de case 200 fotografías é o leitmotiv da exposición que a asociación Ollares de Portonovo leva mañá á Praza Pascual Veiga, en colaboración co Concello de Sanxenxo. Paisaxe, retratos e espazos emblemáticos do municipio, cedidos por veciños e veciñas, que permitirán unha volta ao pasado a través de imaxes.

Trátase dunha nova edición de Ollares na Rúa na que o colectivo de fotógrafos leva á rúa o seu traballo e que, tras dous anos de parón pola pandemia, chega ampliado coa inclusión dun recoñecemento a fotógrafos históricos de Sanxenxo.

A choiva impediu dous días de exposición como estaba previsto, pero mañá a partir das 11 horas xa se poderá visualizar a mostra na Praza Pascual Veiga. A cita servirá ademais para que os veciños que o desexen, leven as súas fotografías antigas que serán escaneadas e sumadas ao arquivo fotográfico histórico, así como a sucesivas edicións de Ollares na Rúa.

Ás 17 horas, o alcalde, Telmo Martín, entregará unha insignia de ouro en forma de cámara ao fotógrafo local Gerardo Torres como forma de agradecemento polo seu labor como fotógrafo de tantas persoas, familias e da paisaxe local durante anos.

Na mostra que se manterá na Praza de Pascual Veiga ata as 22 horas, poderán verse fotografías de Sanxenxo de principios do século XX tanto de paisaxes como de retratos. A partir das 19 horas, o grupo local La Reina del Vudú realizará unha actuación en directo na praza. A continuación, realizaráse un sorteo

En Portonovo, a edición de Ollares na Rúa celebrarase a próxima semana, o 13 e 14, no Parque de O Espiñeiro con fotografías da vila portonovesa.

0
0
0
s2sdefault