Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE DESDE ONTE AS "XX XORNADAS DE TRABALLO EN MECÁNICA CELESTE" NA SALA NAUTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acudiu onte á xornada inaugural

Máis dunha trintena de científicos danse cita desde onte nas XX Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste que teñen lugar na Sala Nauta. Sanxenxo foi o lugar elixido polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela para celebrar esta reunión que reúne aos principais investigadores españois e estranxeiros especialistas en Astrodinámica.
Desde onte e ata o vindeiro mércores, poranse en común distintos estudos e investigacións nesta rama matemática ata a modelización de distintos escenarios presentes no universo a través dun total de 24 relatorios, en horario de mañá e de tarde. Nas xornadas participarán investigadores moi coñecidos como Jesús Palacián, Víctor Lanchares ou Antonio Elipe. O presidente da Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo, Marcelino Agís, encargouse de inaugurar as conferencias como "Sanxenxo azul".


O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, copresideu esta onte a inauguración coa directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, Rosa Crujeiras, para dar a benvida aos relatores e agradecer ao coordinador do comité científico, o profesor José Anxo Docobo, a elección de Sanxenxo como sede das xornadas. "Agardamos que, ademais da posta en común das últimas investigacións científicas en astronomía, teñan tempo para gozar da paisaxe e gastronomía do noso municipio", sinalou.
Docobo, pola súa banda, incidiu en que "é fundamental a organización deste tipo de congresos, que aínda que non multitudinarios son especialmente activos, e representan un trampolín para os novos investigadores e unha gran oportunidade para establecer contactos con figuras moi relevantes deste campo da Astronomía. A inscrición é de balde para os estudantes de doutoramento nun intento de favorecer a súa participación".
Sanxenxo forma parte desde hai case 20 anos do circuíto de distintos programas e sesións divulgativas que o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza no verán na Rosa dos Ventos no Paseo de Silgar.

0
0
0
s2sdefault