Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONCEDE 244 PERMISOS PARA A CELEBRACIÓN DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


O Concello de Sanxenxo tramitou un total de 244 permisos para a celebración das fogueiras de San Xoán. Do total, 16 realizaranse nas praias de Silgar, Caneliñas e Panadeira, 4 en espazos públicos, 3 en lugares privados de acceso público e 221 en leiras privadas.

O Concello porá en marcha un operativo especial da Policía Local, os servizos de emerxencia e o servizo de limpeza. O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22 horas ás 6 horas do 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21 horas. Ás seis da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza garantido que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.

Por motivos de seguridade, desde o goberno local advirten que non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nos devanditos areais atópase a queima unicamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.

0
0
0
s2sdefault