Concello de Sanxenxo - SAREB E CONCELLO ASINAN UN CONVENIO HISTÓRICO PARA A CREACIÓN DE ESPAZOS PÚBLICOS DE CALIDADE E A MELLORA PAISAXÍSTICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Con este acordo conséguese dotar de viabilidade ao ámbito e Sanxenxo obterá 1,3 millóns de m2 de espazos públicos, chan para vivendas sociais e un campo de golf que mellorará a súa oferta turística

O alcalde, Telmo Martín, e a coordinadora de Xestión Urbanística Serviland, Marta De Santos Sánchez, asinaron esta mañá un convenio para promover unha modificación puntual do PXOM en tres chans urbanizables propiedade maioritaria de Sareb. "O convenio que acabamos de asinar é un bo exemplo de como 2 institucións poden traballar polo interese xeral, neste caso os veciños de Sanxenxo obteñen 133 hectáreas entre as distintas cesións públicas, o 3% da extensión do termo municipal", asegurou o alcalde, Telmo Martín.

En concreto o SU-11 no alto de Miraflores (100% propiedade do Sareb) o SU-14 en Monte Faro (67% do Sareb) e o SU-27 Altamira-Vilalonga, (98% de Sareb). O convenio establece un período máximo de 24 meses para a aprobación inicial da modificación da PXOM que impulsará o Concello. Período prorrogable en 6 meses por causas xustificadas e alleas ao Concello, e que empezará a contar desde o inicio do procedemento de avaliación ambiental.

Sareb e o Concello levan meses falando e coinciden na oportunidade de mellorar a ordenación urbanística en beneficio do interese paisaxístico, social, turístico e económico de Sanxenxo. A modificación puntual da PXOM neste tres chans propiciará a viabilidade do ámbito e xerará importantes vantaxes para os veciños:

O SU-11 Alto de Miraflores ten unha extensión de 139.230 m2. O 70% da súa superficie, 96.582 m2 (ata agora 14.392 m2) cualifícanse como chan rustico de protección forestal, que Sareb cederá para crear unha zona verde para o goce dos veciños. Doutra banda, e debido ao interese paisaxístico da zona, a modificación reducirá significativamente a edificabilidade, as 414 vivendas que prevé o desenvolvemento deste chan reduciranse a 10 vivendas unifamiliares.

O SU-14 Monte Faro ten unha extensión de 1.485.920 m2. A modificación deste chan implica a redución de 57 vivendas, de 1.347 a 1.290. Os espazos libres públicos incrementaranse de 1.073.920 m2 a 1.231.385 m2. Dentro dos cales se inclúe un campo de golf que a promotora ten que entregar xa executado ao Concello e que permitirá a Sanxenxo mellorar a oferta turística e crecer como destino vacacional durante todo o ano.

O SU-27 Altamira - Vilalonga ten unha extensión de 85.651 m2, dos cales se destinan a espazos libres públicos 35.340 m2 (ata agora 8.761 m2). Neste caso a modificación incrementa a edificabilidade en 111 vivendas, de 214 a 325, xa que o seu desenvolvemento incluirá vivendas alcanzables para xoves e chan onde o Concello poderá facer equipamentos para a terceira idade.

O tres chans suman 1.710.586 m2 dos cales o 78% (1.337.722 m2) destínanse a espazos libres públicos. Ademais, as 1975 vivendas que a PXOM vixente contempla nestes chans redúcese a 1625, 350 vivendas menos. O Concello agradece a disposición e colaboración de Sareb, que permitiu un acordo que propicia condicións de viabilidade para os sectores e, ademais, é, ao mesmo tempo, moi beneficioso para os veciños de Sanxenxo que gañarán amplos espazos públicos, novos equipamentos, vivendas alcanzables e un desenvolvemento máis integrado na paisaxe.

0
0
0
s2sdefault