Concello de Sanxenxo - A MELLORA DA RÚA UNIÓN E VIAIS ADXACENTES ENTRA NA FASE FINAL DAS OBRAS DE HUMANIZACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos concluirán co axardinamento e a nova iluminación

A humanización da Rúa Unión e viais adxacentes entra na recta final das obras. O groso dos traballos tanto de canalizacións como de superficies xa están concluídos á espera do axardinamento, mobiliario e iluminación. A pedra empregada en superficies como prazas e escaleiras para substituír ao formigón e as baldosas propiciou unha mellora estética e de accesibilidade craves na recuperación dunha contorna en mal estado de conservación e mantemento. A actuación é financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo do Concello era recuperar estas rúas para convertelas nunha zona atractiva e agradable para a vida urbana. A empresa encargada de facelo foi Narom S.L. que, cun orzamento de 287.277 euros e un prazo de 6 meses, achegou melloras como a ampliación da garantía de 1 a 4 anos e incluíu a reparación das escaleiras de granito, así como a colocación de papeleiras e bancos ou o saneamento.

O proxecto inclúe a instalación dunha nova iluminación, que permitirá unha mellora da actual que é moi deficiente, con luminarias tipo led de aluminio coas que se logrará unha maior eficiencia enerxética. Así mesmo, colocaranse en distintos puntos macetas de diferentes cores que permitirán un axardinamento da zona con variadas especies e plantas que axudarán a mellorar a imaxe desta céntrica contorna.

0
0
0
s2sdefault