Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE SETE EMPRESAS PRESENTAN A SÚA OFERTA PARA EXECUTAR A REMODELACIÓN DA PRAZA DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto de remodelación da Praza de Vilalonga espertou o interese dun total de sete empresas: Construcións Alea, Construcións E.C.Casas, Movementos de Áridos e Construcións Arosa, S.L., Narom S.L., Ogmios Proyecto, S.L., Oresa Construción e Servizos Globais, S.L., Praxe, Servizos e Obras, S.A. O prazo para presentar as ofertas concluíu este mediodía.

O proxecto de humanización da Praza de Vilalonga contempla unha profunda mellora deste espazo. Está valorado en 785.137 euros e conta cun prazo de execución de 5 meses. A praza incrementará o seu espazo útil pasando dos 4.011 metros cadrados actuais aos 5.280 metros cadrados pola ampliación de espazos tanto polo lado da estrada PO-505 como do campo de fútbol. Tan importante como a súa ampliación é a súa ordenación para converter a praza nun espazo máis uniforme e seguro, suprimindo as barreiras físicas que agora limitan o seu uso.

A proposta é eliminar o tráfico rodado da praza, mantendo un acceso de servizo ao campo de fútbol, potenciando espazos versátiles e multixeneracionais. Ampliaranse as beirarrúas tanto ao lado da praza como o de en fronte, propondo que o tramo da PO-555 correspondente coa praza sexa zona 20. Outros obxectivos da actuación son a mellora e a ampliación da zona infantil, a supresión das barreiras físicas que perxudican o uso da praza e a bancada perimetral. A zona central da bancada potenciarase coa construción dunha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado cuxos alicerces seguirán a liña dos troncos dos bidueiros. Esta pérgola está pensada para dotar de sombra a esta zona e así gozar de eventos culturais e deportivos en tempada estival.

Tamén se inclúe unha profunda reforma do palco e o bar, que agora só atende ao campo de fútbol e que despois da mellora tamén poderá dar servizo á praza. Ademais, prevese a mellora dos accesos ao campo de fútbol, ou a plantación de árbores, concretamente bidueiros, para crear unha barreira entre a PO-505 e a praza no tramo no que están á mesma altura. Tras a reforma a praza contará con tres espazos diferentes, que poden funcionar conxuntamente ou por separado segundo as necesidades: zona infantil, zona de eventos menores e zona de eventos maiores.

0
0
0
s2sdefault