Concello de Sanxenxo - NANTES POTENCIARÁ A SÚA MAIOR ZONA DE EQUIPAMENTO PÚBLICO COA SENDA PEONIL E O PECHE DA PISTA POLIDEPORTIVA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A zona de maior equipamento público de Nantes experimentará nos próximos dous meses unha importante transformación con dúas actuacións: A senda peonil O Vinquiño-Contumil e o peche e dotación de vestiarios da pista polideportiva. Dúas obras valoradas en case 757.000 euros que mellorarán a seguridade viaria e a confortabilidade do pavillón.

Os traballos de senda avanzan a bo ritmo e espérase que estean concluídos no prazo de dúas semanas. A senda xa se atopa transitable en máis dun 95% do percorrido e xa se actuou na rede de saneamento, coa colocación dunha tubaxe de pluviais de PVC e os correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros. A obra inclúe a dotación de iluminación pública con 35 puntos de luz, un cada 30 metros, con luminarias led de alta potencia que xa están colocadas ao longo da senda xa executada.

Na zona atópase o CEIP de Nantes, as instalacións do Centro Cultural Deportivo de Sanxenxo, a Casa de Cultura, o local da Comunidade de Montes e unha ampla zona deportiva e lúdica, así como o campo de billarda, espazo cedido polos comuneiros de Nantes.

Nas próximas dúas semanas, crearase unha área de convivencia no tramo intermedio coa pavimentación igual á da senda peonil. Nesta zona plantaranse varias árbores, e colocaranse uns bancos de madeira e unhas papeleiras, para que os viandantes poidan descansar e retomar forzas.

En canto á pista polideportiva de Nantes, a obra estará concluída para o inicio do próximo curso escolar á espera dos últimos detalles nos vestiarios e a colocación da carpintaría exterior. A carpintaría exterior levada a cabo con aluminio anodizado en cor e contempla 15 xanelas (cinco de corredera) e un total de 14 portas para os baños, as entradas e o almacén.

Con estas obras de peche e vestiarios, Sanxenxo gaña un novo espazo deportivo en Nantes. Cabe lembrar que a pista se construíu sobre unha parcela de terreo comunal que foi cedida á administración local para a execución do pavillón, un equipamento moi demandado pola comunidade educativa de Nantes.

0
0
0
s2sdefault