Concello de Sanxenxo - ALUMNOS DO CENTRO DE ARTE MUNICIPAL HOMENAXEAN AOS SECTORES PRIMARIOS CUN MURAL NO MERCADO DE ABASTOS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A pintura titulada "O Noso Mar", inspirada na obra de Luis Seoane, mide 6 metros de longo e 2,50 de alto
 
Un mural no que aparecen representados os sectores primarios, pesca e agricultura, enche desde hoxe de luz e cor unha das paredes de entrada do mercado de abastos de Sanxenxo. Os alumnos adultos do Centro de Arte municipal son os autores da pintura "O noso mar", unha auténtica homenaxe á pesca e horta cunha obra de 6 metros de longo e 2,50 de alto inspirada na obra do pintor Luis Seoane.
 
A concelleira de Educación e Cultura, Paz Lago, acompañada do edil de Economía e Persoal, Marcos Guisasola, da directora do Centro de Arte, María Vázquez, do presidente dos placeiros, Egidio Barral, e de alumnos inauguraron a pintura esta mañá con gran expectación por parte dos clientes da praza. "Quero agradecer a disposición dos alumnos a cumprir con este encargo que fai posible que o mercado conte con este mural que enche de cor e talento este espazo e dá visibilidade ao seu traballo", indicou Lago. Na mesma liña, sinalou que non se descarta que sigan realizándose colaboracións deste tipo noutros departamentos municipais e mesmo no propio mercado.
 
Un total de 19 alumnos participaron no mural que realizaron nun prazo de mes e medio. A directora do Centro de Arte explicou que se buscaba realizar unha obra polivalente que se puidese ampliar e mesmo mover. "Está feito con esmalte e sobre madeira o que permite movelo e mesmo amplialo. Empregaronse cores vivas para dar corido ao mercado e o resultado é moi bo", dixo. As pinturas de Luis Seoane foron os referentes para realizar este mural. "Non reproduce ou seu traballo, pero se a base da que partimos", dixo. Vázquez valorou positivamente este tipo de exposicións públicas que permite visibilizar "o traballo que facemos ao longo do ano no Centro de Arte e anima a outras persoas a apuntarse".
  
0
0
0
s2sdefault