Concello de Sanxenxo - O ACONDICIONAMENTO DA PRAZA DE ABASTOS DE VILALONGA COMO SEDE DO BANCO DE ALIMENTOS CUSTARÁ 32.112 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto contempla no edificio de 211 m2 deixar unha sala diáfana central, un aseo adaptado e unha cámara de frío

O Concello de Sanxenxo xa dispón dun proxecto para acondicionar o antigo mercado de abastos de Vilalonga na nova sede do Banco de Alimentos Rías Baixas. As obras de adecuación do inmoble de 211 m2 terá un custo de 32.112 euros. Tras a actuación o interior será un almacén cunha sala diáfana, un aseo adaptado e unha cámara de frío. Ademais, realizaranse traballos de illamento, pintura, fontanaría e electricidade e mellorará o acceso ás instalacións.

Unha vez concluídos os traballos, trasladaranse ao mercado desde a súa actual localización no Centro de interpretación da Telleira onde se proxecta a mellora da estrutura do edificio, unha redistribución dos espazos e un equipamento que seguirá os estándares de sustentabilidade e eficiencia enerxética que contribuirán á integración na contorna natural onde se sitúa. O obxectivo é que A Telleira se converta nun centro de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico, especialmente nos meses de outono e inverno cando máis de 200 especies de aves elixen este humidal, incluído no convenio Ramsar, para invernar.

E é, precisamente, coa finalidade de potenciar a protección desta contorna e convertela no centro da actividade ambiental pola que se trasladará a estas instalacións, dotadas coas últimas tecnoloxías dixitais, a sede da Concellaría de Medio Ambiente. No exterior contémplase a mellora da degradada contorna e da accesibilidade. O goberno prevé un investimento total no Centro de Interpretación da Telleira de 457.000 euros.

0
0
0
s2sdefault