Concello de Sanxenxo - SANXENXO NA HISTORIA ABRE AS SÚAS XIII XORNADAS COA IGREXA DE SAN PEDRO DE VILALONGA E O PAZO DE BERMÚDEZ DA MAZA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Rafael Fontoira e Salustiano Joaquín Méndez Lariño foron os relatores da mesa dedicada ao patrimonio na xornada inaugural

O Pazo de Emilia Pardo Bazán acolleu esta tarde a inauguración das XIII Xornadas de Sanxenxo na Historia. A tenente de alcalde, María Deza, acompañada da concelleira de Cultura e Educación, Paz Lago, abriu o acto destacando a importancia de "afondar na nosa historia e na nosa cultura". Esta cita "achéganos ano tras ano investigacións e revelacións sobre o noso patrimonio e de figuras relevantes do noso municipio moi interesantes". Deza agradeceu o labor da Asociación de Estudos Locais (Aelos) o labor que realizan coas Xornadas de Sanxenxo na Historia que celebran a súa décimo terceira edición.

O arquitecto e historiador Rafael Fontoira e o mestre Salustiano Joaquín Méndez Lariño foron os relatores da mesa redonda dedicada ao patrimonio e moderada pola directiva de Aelos, Ángeles Marcos. Baixo o título "A igrexa de San Pedro de Vilalonga", Fontoira sinalou que se trata dunha igrexa "moi interesante" que pertencía ao Pazo de O Revel. A súa data de construción sitúase no século XVI, pero "os muros laterais caeron e foron reconstruídos no século XVIII que foi cando se fixo tamén a torre". Fontoira tamén explicou que os donos do Pazo de O Revel doaron un baldaquino que está exposto no Museo de Pontevedra. "Hai no interior da igrexa unha colección de santiños do século XVIII moi interesante e con moi boa factura", asegurou. A historia desta igrexa será a penúltima investigación recompilada das igrexas de Sanxenxo, a falta da de Nantes, nas Xornadas de Sanxenxo na Historia.

Salustiano Joaquín Méndez, coñecido como Tano, encargouse de falar dunha das edificacións máis antigas de Dorrón, casa-Coto de San Xoán de Dorrón, agora coñecido como Pazo de Bermúdez da Maza, onde pasou parte da súa vida. Os documentos históricos aínda conservados na súa casa familiar leváronlle a indagar na historia e xenealoxía do pazo. “O 14 de abril de 1347 é a data do primeiro documento que fala desta casa que pertencía a Pedro Arias de Aldao, un personaxe moi importante da época que contaba con 3 escudeiros e 3 mozos de armas, casado cunha filla de Pedro Madruga”, indicou. O escudo que aínda se conserva da casa conta con 6 cuarteis que corresponden ás distintas xeracións da familia. No Pazo tamén se poden ver as gárgolas orixinais, o reloxo de sol, un ti e eu (asentos de pedra), un hórreo, un pombal… que se puideron visualizar durante a súa exposición a través de imaxes.

Méndez destacou tamén a figura do seu pai, Santiago Méndez Monroy, e as súas importantes achegas á parroquia. “O meu pai conseguiu que se fixese a estrada que une Areas coa igrexa, entre outras moitas outras cousas”, indicou. Foi concelleiro do concello, “pero deixouno todo porque non conseguiu un lavadoiro na parroquia”. Foi mestre en Aios, Bordóns e Dorrón.

0
0
0
s2sdefault