Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CONTRATA UN PROTOCOLO DE DANOS E UN ESTUDO DE VIABILIDADE ESTRUTURAL COMO TRABALLO PREVIO Á MELLORA DA PRAZA DO PAZO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

A empresa revisará 113 vivendas e locais, así como as fachadas e zonas comúns que rodean a praza

O Concello de Sanxenxo contratou un protocolo de danos e un estudo de viabilidade estrutural como traballo previo á licitación e execución da mellora prevista na Praza do Pazo. Ambos os traballos terán un custo de 17.890 euros e darán comezo o vindeiro luns. A empresa "Refuerza. Servicios de Ingeniería y Edificación" encargarase de realizar un informe no que se deixará constancia do estado actual das 113 edificacións recollendo as patoloxías, danos ou defectos de construción tras a inspección visual da totalidade das estancias, fachadas e zonas comúns. Tamén se revisarán as fachadas e as zonas comúns.

Ademais, tamén se ha realizará unha inspección "in situ" por un técnico especialista en estruturas e patoloxías da praza, do estado de conservación da estrutura e da posible presenza de danos ou procesos patolóxicos que puidesen afectar de forma relevante á súa capacidade portante. Os traballos inclúen un levantamento da xeometría e composición da estrutura medible con flexómetro, medidor láser e sonda magnética, sen a realización de catas, rozas ou ensaios destrutivos.

O alcalde, Telmo Martín, e as concelleiras de Planificación Territorial, María Deza, e de Urbanismo, Flavia Besada, asistiron este verán a unha xunta xeral das comunidades de propietarios dos edificios lindeiros á praza para solicitarlle unha mellora e modernización das fachadas dos edificios que garantan a seguridade e cumpran cuns criterios estéticos acordes á zona na que se atopan.

O proxecto de reforma da praza expón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas en pavimento de pedra, que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.

A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa dos Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas.

A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.

A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades ao aire libre. A escaleira de accesos principal desde a Rúa Madrid incluirá tres zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira.

0
0
0
s2sdefault