Concello de Sanxenxo - A SALA NAUTA ACOLLERÁ ESTE SÁBADO A PRESENTACIÓN DA ESCOLA DE TRIPULANTES DE CABINA "AVIATION PRIVÉE" CON MARCADO SELO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As fundadoras, Paula Fernández Soutullo, de Nantes, e Lucía Taboada, da Coruña, contarán no seu equipo con outros tres veciños de Sanxenxo.

A Sala Nauta, situada no porto deportivo de Sanxenxo, acollerá este sábado a presentación oficial da escola de tripulantes de cabina "Aviation Privée" cun equipo con marcado selo de Sanxenxo. As fundadoras, Paula Fernández, de Nantes, e Lucía Taboada, da Coruña, contarán no seu equipo con Jose Cacabelos, de Vilalonga; Nerea González, de Dorrón, e Diana Fernández, de Nantes.

Esta academia homologada terá a Sanxenxo como a súa base de operacións e porá en marcha dous cursos: Un de Tripulante de Cabina de Pasaxeiros de dous meses de duración; e outra Aviación Executiva, de tres semanas, pensado para aqueles auxiliares de voo que queiran traballar en jets privados. Nos cursos impartiranse todas as materias de AESA. A formación complementarase ademais con clases de imaxe persoal e protocolo, aviación privada ou prácticas reais nun simulador de voo entre Canarias e Madrid (viaxe tamén incluída) e outro na contorna de Sanxenxo.

O Concello de Sanxenxo considera "moi interesante" que se amplíe a oferta formativa do municipio con novas disciplinas como a aviación coa que o municipio garda historicamente relación a través dunha figuran tan relevante como o aviador José Piñeiro, nacido en Ferrol, pero asentado desde principios do século XX en Sanxenxo.

Na xornada de portas abertas, Open Day, o equipo directivo realizará unha charla de presentación na que estarán os profesionais da escola. Será a partir das 16:30 horas no Porto Deportivo de Sanxenxo e para asistir recoméndase confirmar asistencia, xa sexa a través de Instagram @aviationprivee ou no whatsapp 604 017 304.

Ademais, durante o Open Day tamén terá lugar a presentación do uniforme oficial da escola e realizarase un sorteo entre os asistentes dun voo de iniciación no aeroporto de Mazaricos.

0
0
0
s2sdefault