Concello de Sanxenxo - MÁIS DE 300 MÉDICOS DARANSE CITA ESTA FIN DE SEMANA NOS CONGRESOS DE HIPERTENSIÓN E RISCO VASCULAR EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Na Rosa dos Ventos do Paseo de Silgar realizaranse o sábado recoñecementos médicos en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 19:30 horas

A Sociedade Galega de Hipertensión e de Risco Vascular elixe a Sanxenxo por décimo ano como sede do seu 28 e 19 congreso, así como da 20 Xornada de Enfermaría sobre Risco Vascular. O especialista en Medicina Interna e directivo da sociedade organizadora, Carlos Názara e o concelleiro de Economía e Persoal, Marcos Guisasola, presentaron esta mañá a programación da cita que terá lugar mañá e o sábado nos hoteis Carlos I Silgar e o Gran Talaso Hotel Sanxenxo. Profesionais da medicina de distintos puntos de España e de centros de referencia tratarám desde este venres pola mañá as últimas técnicas en medicina para o tratamento de enfermidades cardiovasculares, os factores de risco e medidas preventivas.
Guisasola destacou a experiencia de Sanxenxo en acoller congresos e agradeceu á organización a súa aposta polo municipio. "Esta xa é como a vosa casa e así espero que o sintades. É para nós unha honra que se celebre aquí o mellor congreso médico de España nesta espacialidad", indicou. Desde mañá, estarán en Sanxenxo máis de 300 congresistas para participar na cita que se inaugurará con "Historia dunha pandemia", analizaranse casos clínicos e realizarase un coloquio para resolver dúbidas. Durante o sábado, realizaranse novas guías de tratamento diabético e unha conferencia maxistral a cargo de Juan Antonio Corbalán Alfocea sobre "Deporte e Risco Cardio Vascular". Nesta xornada realizarase tamén unha actualización en RCV sobre Oncoloxía e corazón, Psicofármacos e RCV ou o Tabaquismo como factor de risco.
Názara sinalou que o 35% das mortes anuais débense a enfermidades cardiovasculares. "Os factores de risco comúns son a diabetes, a hipertensión e os lípidos, pero tamén a obesidade, o tabaquismo, o sedentarismo, o cansazo ou a tensión", indicou. Controlar estes factores de risco, segundo indicou Názara, reduciría un 80% as mortes.

A enfermaría será a outra parte da cita que terá o sábado. "Os profesionais de enfermaría son moi importantes no tratamento e seguimento das enfermidades cardiovasculares", sinalou Názara.

Carpa na Rosa dos Ventos
Este sábado, de 11 a 14 horas e de 17 a 19:30 horas, situarase unha carpa na Rosa dos Ventos do Paseo de Silgar onde as persoas que o desexen poden realizarse un recoñecemento. Un médico e unha enfermeira mediralles o colesterol, a glicosa, a presión arterial, a estatura e o peso. Se detectan algún parámetro alterado será derivado ao seu médico. Os controis serán gratuítos.

0
0
0
s2sdefault