Concello de Sanxenxo - A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN EXECUTA UNHA REFORMA ELÉCTRICA NO COLEXIO DO TELLEIRO VALORADA EN CASE 37.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación realízase tras a inspección de mantemento que realiza o Concello de Sanxenxo nos colexios públicos do municipio

A Consellería de Educación, a través da xefatura territorial en Pontevedra, está a executar unha reforma eléctrica no colexio do Telleiro en Noalla valorada en 36.770 euros. A actuación realízase tras o resultado da inspección de mantemento que realiza o Concello de Sanxenxo nos colexios públicos do municipio para garantir a seguridade e o perfecto funcionamento das instalacións.

Na revisión encargada a Enmacosa detectáronse circuítos eléctricos sen protección electromagnética, así como equipos de iluminación de emerxencia e proteccións diferenciais que non funcionaban correctamente. A actuación de modernización e reforma céntrase na modificación dos cadros de protección e un novo proxecto eléctrico que se tramitou na Consellería de Economía, Empresa e Industria. Os traballos, que se están realizando pola tarde para non entorpecer o ritmo escolar, teñen un prazo de execución de dous meses.

A Concellería de Educación dirixida por Paz Lago iniciou, por primeira vez, en 2018 as revisións dos centros educativos, nos que ten a competencia de mantemento, co colexio da Florida. A este seguíronlle Portonovo (2019), Magaláns (2020), Nantes (2021) e agora O Telleiro. Nesta rolda non se incluíu o vello colexio do Cruceiro ao estar previsto o novo centro no Revel. As inspeccións volveranse a repetir polo mesmo orde cada ano, facéndose cargo das reparacións ou reformas a Xunta se se consideran obras estruturais ou o Concello se son pequenos traballos de mantemento.

"Son inspeccións que analizan as necesidades en cada centro e que son preciso facer para garantir a seguridade en colexios que nalgúns casos superan xa os 40 anos", indica Paz Lago.

0
0
0
s2sdefault