Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DO COLEXIO DE PORTONOVO ENTRAN NA SÚA RECTA FINAL CO ASFALTADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos de pavimentación obrigarán a cortar o tráfico os viarios da actuación mañá e o venres

As obras de humanización do colexio de Portonovo entran na súa recta final co asfaltado da Rúa Espiñeiro, Rúa Areal e Travesía Areal. Os traballos de pavimentación obrigan a cortar ao tráfico estes viarios mañá xoves e o venres, así como o cambio de sentido de forma puntual da Avenida Areal para garantir o acceso a vivendas e garaxes e da Rúa Independencia. O goberno lamenta as molestias causadas polas obras a veciños e comerciantes afectados, pero asegura que o resultado final suporá unha completa transformación da contorna que potenciará a seguridade peonil e a actividade económica.

Durante a xornada de hoxe, a empresa adxudicataria está previsto que realice os traballos de fresado dos viarios, previos ás tarefas de asfaltado, e continúa cos remates de pavimentación da gran praza central que rodeará o mercado de abastos de Portonovo. O pintado das rúas, así como o axardinamento das zonas verdes realizaranse a próxima semana. A plantación do arboledo xa se executou esta mesma semana e xa se instalaron as 67 novos farois con iluminación led. En canto ao mobiliario urbano, cabe destacar a instalación dun banco urbano alargado con posibilidade de habilitar unha conexión USB para a carga de dispositivos móbiles e as papeleiras de aceiro inoxidable.

A empresa apura os traballos para cumprir coa prórroga concedida pola Deputación de Pontevedra que subvenciona o 60% da actuación a través do Plan Deporemse mentres que o 40% restante finánciase con fondos propios. A obra, cuxo custo ascende a 833.600 euros, supón a reurbanización completa da contorna do colexio de Portonovo e a contorna do mercado de abastos, substituíndo as estreitas beirarrúas existentes por amplos espazos peonís, con novo mobiliario urbano e arboledo.

O tráfico queda resolto cun carril único, ao redor da praza do mercado, pavimentado en lastro. Ademais, o aparcadoiro queda integrado esteticamente deixando atrás o asfalto para contar con pavimento de celosía de lousa-xardín. A Rúa Areal mantén a súa dobre dirección, a Rúa Espiñeiro queda en dobre sentido ata a nova rotonda. Outro cambio é o sentido da circulación da Travesía de Areal, que pasará a ser de saída para ser usado polo autobús de transporte público que parará na marquesiña.

0
0
0
s2sdefault