Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE ESTE DOMINGO O SEU PRIMEIRO CICLOCROSS INTERNACIONAL CON CASE 300 INSCRITOS E CASE 5.000 EUROS EN PREMIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O club local Team Corbelo dá o salto ao panorama deportivo internacional coa organización desta cita na contorna do Con da Romaíña

A contorna do Con da Romaíña volverá ser este domingo o epicentro do ciclocross cunha proba de carácter internacional. Un total de 259 inscritos participarán neste evento deportivo co que o club local Team Corbelo dá o salto ao panorama deportivo internacional.
O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, acompañado de dous directivos do Team Corbelo, Tomás Basdedios e Iván Pérez e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron esta mañá a cita no salón de plenos do Concello.

A proba porá o broche de ouro á Copa Galicia de Ciclocross tras pasar polos municipios de Pontevedra, Marín, As Pontes e Ribadumia. A actividade dará comezo ás 9 horas cos adestramentos dos equipos procedentes de Galicia, País Vasco, Cantabria, Cataluña, Italia, Bélxica, Holanda e Francia. Sanxenxo contará con cinco participantes locais procedentes do Team Corbelo. Pola tarde, as probas darán comezo ás 16 horas e estenderanse ata as 18:45. Repartiranse nas dúas categorías case 5.000 euros de premios en metálico.

O concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, destacou esta mañá a importancia da proba que se suma "ao amplo abano de probas que se están a celebrar dende principios do ano no concello e que amosan o potencial de Sanxenxo como sede deportiva tanto polas súas instalacións como pola súa rede hoteleira".

O circuíto que se sitúa na parte alta da zona verde do parque empresarial de Nantes contará cunha distancia de 2.500 metros e un máximo de 5 obstáculos tipo banco de area, tronco, buraco e dubis. Establecerase unha zona de chama, un posto de primeiros auxilios, pasos para espectadores e aseos.

0
0
0
s2sdefault