Concello de Sanxenxo - A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE SANXENXO REXISTRA ESTE CURSO RÉCORD DE MATRÍCULAS CUN TOTAL DE 233 ALUMNOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A dirección retomou os aforos anteriores á pandemia para poder dar resposta á alta demanda de prazas

A Escola Municipal de Música de Sanxenxo deu comezo este curso con récord de matriculacións. Un total de 233 alumnos, desde os 3 anos e ata idade adulta, recibirán formación musical no Pazo de Emilia Pardo Bazán. A escola oferta, do mesmo xeito que en anos anteriores, a formación de Iniciación Musical e Música e Movemento para alumnado de 3 a 6 anos e 15 especialidades instrumentais de oboe, frauta, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba, bombardino, percusión, violoncelo, contrabaixo, guitarra e piano.


O equipo docente está formado por 16 profesores que se encargan da educación musical do alumnado desde a base ata que son adultos. O director da escola, Benjamín Dorado, incide en que "o que tratamos de fomentar é que a música non se acabe de estudar con 12 ou 13 anos que sempre se pode seguir mellorando e practicando instrumento".


Con concertos en colexios e nas escolas infantís municipais achegan a formación musical aos máis pequenos e espertan neles o interese polos instrumentos e pola música. "Moitos empezan con guitarra ou piano, pero logo na escola descobren outros instrumentos que lles gustan máis e cambian", explica. Nos seus 233 matriculados, hai alumnos desde os 3 ata os 80 anos. "No caso de formación de adultos tentamos ser máis flexibles porque en moitos casos traballan e teñen que compaxinalo coa música", sinala Dorado.


En canto aos prezos, a matrícula ten un custo de 20 euros ao ano e unha taxa mensual de 20 euros ou 40 euros, dependendo do nivel e do número de materias. As taxas estarán bonificadas nun 50% ou un 100% en caso de familias numerosas e dun 25% se as familias teñen máis dun fillo ou filla inscritos.
Durante este curso, está previsto continuar coas audicións públicas onde as familias poderán ver os avances e prevese realizar tamén algunha actuación no exterior, nunha praza ou espazo aberto do municipio.

0
0
0
s2sdefault