Concello de Sanxenxo - SANXENXO E ECOVIDRIO ÚNENSE POLA CAMPAÑA "RECICLA VIDRO POR ELAS" NO DÍA INTERNACIONAL DA LOITA CONTRA O CANCRO DE MAMA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo volve colaborar un ano máis coa campaña de Ecovidrio "Recicla vidro por elas" con motivo do Día Internacional da loita contra o cancro de mama. Unha iniciativa que ten como obxectivo mobilizar á cidadanía a reciclar envases de vidro para coidar do medioambiente e contribuír así cunha causa solidaria: A prevención do cancro de mama. Desde hoxe e durante as próximas semanas, 2 iglús rosas estarán situados na Praza de Pascual Veiga e na Rúa Areal. Ecovidrio transformará os envases de vidro depositados nos colectores nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra.

O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acompañado das concelleiras de Urbanismo, Flavia Besada, e de Facenda, Paula Martínez, fixeron esta mañá un chamamento á cidadanía para que participe na campaña depositando no colector rosa varias botellas de vidro.
Nesta ocasión, a campaña estendeuse por máis de 170 cidades de todo o territorio nacional como Sevilla, Vigo, Coruña, Xixón, Oviedo, Valladolid, Zaragoza ou Logroño. Así pois, Ecovidrio instalou 400 colectores rosas por todo o país. Ademais de contar con Sandra Ibarra, presidenta da Fundación, como embaixadora do proxecto, Sara Herranz uniuse á iniciativa e elaborou un manifesto titulado "Prometo coidarme", para concienciar á cidadanía da importancia do coidado do medioambiente e a autoexploración para a prevención deste tipo de cancro.

Pola súa banda, como símbolo da concienciación e solidariedade co cancro de mama, Agatha Ruiz de la Prada deseñou un miniglú especial para a ocasión, no que se destaca o lema da Fundación Sandra Ibarra: "Llenas de vida". O miniglú pódese adquirir a través da web https://www.miniglu.es/ , e os beneficios destinaranse á Fundación Sandra Ibarra para contribuír á prevención e investigación do cancro.

Segundo os últimos datos relativos a 2021, os habitantes de Sanxenxo reciclaron un total de 619,52 toneladas de envases de vidro, o que supón que cada habitante reciclou de media 35,1 quilogramos. Respecto da taxa de contenerización, Sanxenxo sitúase cunha media de 75 habitantes por colector, contando cun total de 235 iglús para os residuos de envases de vidro instalados.

0
0
0
s2sdefault