Concello de Sanxenxo - CONCLÚE O ASFALTADO DO VIARIO QUE UNE NOALLA E O CASTRO EN VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación que tivo un custo de 54.339 euros é subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

Co obxectivo de seguir mellorando a rede municipal de estradas e viarios, o Concello acaba de pavimentar o viario que discorre entre Noalla e O Castro en Vilalonga. As obras permitirán mellorar as condicións do camiño e facilitará o acceso a parcelas agrícolas situadas nas súas marxes.

A actuación, executada por Construcións e Viarias (Covsa), ten un custo de 54.339 euros e é subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) dentro do seu Plan de Mellora de camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022-2023.

O anterior firme atopábase en moi mal estado. Os traballos consistiron na instalación dunha nova capa de rodaxe sobre o pavimento asfáltico para mellorar a calidade e seguridade viaria. Trátase dun viario cunha elevada densidade de tráfico, cunha lonxitude de 1.176 metros e un ancho de plataforma medio entre 4,50 e 5 metros na maior parte do seu percorrido.

Os traballos comezaron coa limpeza das marxes e apertura de cunetas ao longo do viario. A superficie total a pavimentar foi de 5.560 metros cadrados. O prazo de garantía das obras é de 12 meses.

Como consideración de tipo ambiental, cabe destacar que a totalidade do betume empregado na fabricación da mestura bituminosa en quente dos traballos foi ligante de betume asfáltico mellorado con caucho procedente de pneumáticos fóra de uso.

Esta condición persegue o mantemento ou mellora dos valores medio ambientais xa que este betume empregado engade as vantaxes técnicas que achega o emprego de po de caucho ao betume xunto coas vantaxes medio ambientais derivadas da eliminación dun residuo, que pasa a converterse nunha materia prima na fabricación destes ligantes para o seu uso nas mesturas asfálticas.

0
0
0
s2sdefault