Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECIBE O RECOÑECEMENTO DA ADEAC POR SER UN REFERENTE EN MEDIDAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL EN PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A tenente de alcalde, María Deza, participou onte en Canarias no Congreso Internacional de Bandeira Azul

Sanxenxo mostrou onte músculo no Congreso Internacional de Bandeira Azul celebrado en Canarias. A tenente de alcalde, María Deza, participou na mesa dedicada a Educación Ambiental con representantes de Sagunto (Valencia), Porto Rico e Marrocos na que explicou as medidas de educación ambiental postas en marcha no municipio e o investimento anual que Sanxenxo realiza para cumprir cos requisitos dun distintivo tan esixente como Bandeira Azul.

Nos últimos 5 anos, Sanxenxo realizou unha media de 15 actuacións ambientais por ano. "A natureza foi xenerosa con Sanxenxo e por iso a mellor educación ambiental é dar a coñecer o noso patrimonio natural. Cada vez que un veciño ou visitante percorre calquera dos nosos sendeiros azuis ou a Rede Natura 2.000 (366 hectáreas, o 8% do territorio) crea un vínculo que lle conciencia da importancia de coidar a zona para as xeracións futuras", expuxo Deza durante a súa intervención.

Unha destas medidas que obtivo especial relevancia no foro do congreso de Bandeira Azul foi a retirada de papeleiras das praias. Unha medida na que Sanxenxo foi pioneiro e que como referente turístico "abriu camiño a outros concellos", tal e como se destacou no congreso. A decisión foi destacada pola Adeac como un acerto. Outro dos asuntos abordados foron os distintivos autonómicos de Praias sen fume ou equivalentes noutros municipios españois. Sanxenxo xa conta desde este ano co amparo de Praias sen Fume en todas as praias de bandeira azul.

Na súa aposta decidida pola bandeira azul, Sanxenxo realiza un investimento anual de 1,2 millóns de euros que lograron que Sanxenxo se manteña imbatible desde o 2003 como o municipio español con máis bandeiras azuis nas súas praias. Nas últimas dúas edicións, este municipio izou ata 17 bandeiras en 18 praias, ás que se suman outras sete para sendeiros azuis, dúas para os portos, unha para o club náutico de Portonovo e outra para o centro azul da Telleira.

Deza valorou moi positivamente a participación neste congreso no que se abordaron distintos aspectos relativos a seguridade, accesibilidade e medioambiente en praias en distintos países do mundo. Ademais, déronse a coñecer as últimas novidades no sector e que se poderían pór en marcha en Sanxenxo en próximos veráns.

0
0
0
s2sdefault