Concello de Sanxenxo - CONCELLO E DEPUTACIÓN REPETIRÁN O MODELO DE SENDA PEONIL DESDE A IGREXA DE SAN ESTEVO ATA A PARCELA DO VELLO CUARTEL DE NOALLA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde e a presidenta do organismo provincial visitaron o final das obras de mellora de seguridade viaria desde Noalla ata a praia da Lanzada

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, trasladou esta mañá á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitando a visita á actuación de mellora de seguridade viaria executada entre Noalla e a praia da Lanzada, a demanda dunha nova senda peonil que comunique a igrexa de San Estevo de Noalla coa parcela onde se situaba o vello cuartel da Garda Civil no Casal. Un tramo de estrada provincial de algo máis dun quilómetro e moi transitado polos veciños. Martín propuxo a firma dun convenio con financiamento similar á da obra da visita realizada esta mañá co 70% do orzamento da Deputación e 30%, do Concello.

Silva recolleu a proposta do alcalde e comprometeuse a elaborar "canto antes" un anteproxecto para actuar nese tramo de estrada provincial. Carmela Silva asegurou que "a Deputación ten 1700 quilómetros de vías provinciais e é moi difícil facerlles fronte, pero neste momento é factible xa que estamos recibindo moitos recursos dos fondos europeos Next Generation". Por tanto, sinalou, "remataremos esta infraestrutura ata o final e tamén a zona da Igrexa. Encargaremos un anteproxecto e, se a xente que vive alí está de acordo, converterase nun proxecto para iniciar o procedemento".

A visita á obra xa rematada contou coa presenza da tenente de alcalde, María Deza; o concelleiro de Deportes e Servizos Sociais, Daniel Arosa; a deputada provincial, Noemí Outeda, así como membros da Asociación de Veciños de San Esteban de Noalla e da Comunidade de Montes de Noalla. A actuación na EP-9212 permitiu conectar de forma segura o núcleo de Noalla coa praia da Lanzada grazas á creación dunha senda peonil nun treito de 1,2 quilómetros. O orzamento ascendeu a 772.000 euros e serviu, segundo destacou Martín, para converter "unha estrada nunha rúa humanizada" e convidou á presidenta da Deputación "a seguir traballando para os veciños e veciñas".

Carmela Silva sinalou que "con estas obras este tramo deixa de ser unha infraestrutura de paso para os vehículos para ser para a veciñanza e para a xente que nos vén visitar, xa que se trata dunha zona moi relevante e con moita capacidade de atracción", en alusión ao Pazo de Quintáns que se sitúa no trazado. A presidenta asegurou que "supón un antes e un despois, con espazo para camiñar e redución de velocidade. Fai visible o modelo que implantamos en 2015 nas nosas infraestruturas, un modelo de mobilidade segura, de recuperación do espazo público con prioridade para as persoas e de entender que son elas o centro da acción política". A presidenta da Deputación indicou que "estamos a transformar como nunca se viu e cunha colaboración extraordinaria cos concellos. Asumimos os cambios que demanda o século XXI e todas as obras en Sanxenxo son dialogadas e acordadas: a xente non quere confrontación senón vivir mellor".

0
0
0
s2sdefault