Concello de Sanxenxo - O TROFEO CONCELLO DE SANXENXO PECHA A TEMPADA DA CLASE 6 METROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Desde mañá venres ata o domingo unha ducia de equipos, representando a catro países, disputarán a última serie de 2022 da Copa de España

Esta fin de semana Sanxenxo será o colofón final da tempada da clase 6 Metros coa celebración da última serie da Copa de España de 2022, proba que contará coa participación de doce equipos no Trofeo Concello de Sanxenxo. Entre eles destacan o "Titia" de Alicia Freire, que con Mauricio Sánchez-Bela de patrón sitúase como o rival a bater na categoría de Clásicos tras os seus últimos resultados; o "Bribon 500" de Jose Cusí, con Pedro Campos e Jane Abascal á cana; o "Alibaba" de Miguel Lago; e o finlandés "Valdai" de Dirk Stolp e Tom Owen.

Pola súa banda na división Open vivirase un novo duelo entre o portugués "Seljm" de Patrick Monteiro de Barros e o "Stella" de Violeta Álvarez, co sueco "Delphina" como principal rival para os dous favoritos.

As probas do Trofeo Concello de Sanxenxo comezarán este venres a partir das 15:00 horas e ata o domingo disputaranse ata un máximo de seis mangas nos tres posibles campos de regatas da ría de Pontevedra. Tras a finalización das últimas probas do domingo celebrarase a entrega de premios nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo.

Desafío Nao Vitoria
Esta fin de semana tamén será o punto final do Desafío Nao Vitoria, un trofeo creado en 2019 con motivo da celebración en 2022 do V Centenario da primeira Volta ao Mundo do Juan Sebastián de Elcano, e que tras catro anos de execución coa participación de 46 equipos de 15 nacionalidades terá nesta última proba da tempada de 2022 o seu punto e final con dous claros favoritos -o "Bribon 500" en Clásicos e o "Seljm" en Open- para levar o trofeo ás súas respectivas vitrinas, unha reprodución en prata da Nao Vitoria.

A clasificación deste trofeo é o cómputo dos puntos de cada unha das 80 mangas celebradas desde 2019.

0
0
0
s2sdefault