Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO COLGA DESDE HOXE A SÚA LONA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO CON MOTIVO DO 25-N E ILUMINARÁ A SÚA FACHADA DE VIOLETA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O Pazo de Emilia Pardo Bazán acollerá o vindeiro venres a presentación do conto infantil "Violeta e Mariño"

O Concello de Sanxenxo colga desde hoxe e ata o vindeiro domingo unha lona no balcón consistorial contra a violencia de xénero e a fachada iluminarase de violeta. Dúas iniciativas enmarcadas nos actos de conmemoración do 25-N que terán como acto central a presentación do conto infantil, "Violeta e Mariño", escrito pola directora do CIM, Diana Názara; a asesora xurídica do CIM, Beatriz Carrera, e a ilustradora, Yolanda Martínez.

O conto que centra a programación do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero en Sanxenxo presentarase este venres no Pazo de Emilia Pardo Bazán, ás 20 horas. A fundadora e produtora de "Vaca Films", Emma Lustres, amadriñará o acto no que Najla Shami encargarase de pór a música e no que haberá unha performance interpretativa a cargo de "Moito Morro Teatro". A actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

Durante a presentación realizarase unha proxección do conto que ten como protagonistas a Violeta e Mariño. Dous irmáns que sofren na casa violencia de xénero contra a súa nai. A historia pensada para nenos e nenas desde Infantil ata Primaria trata o problema e como actuar, a través da metáfora dunha bolboreta, facendo chegar a mensaxe, pero fuxindo da crueza do golpe e o insulto. A moralexa do conto é "se queremos cambiar o mundo todo o que necesitamos é respecto, liberdade e empatía".

Agasallos para os asistentes
A entrada é libre e gratuíta. O CIM repartirá entre os nenos e nenas que asistan unha pulseira, unha chapa e un chaveiro cun código QR co conto e co lema "Respecto, empatía e liberdade". Aos adultos entregaráselles un cartón co código QR e o conto, un bolígrafo e un colgante para  o móbil co mesmo lema.
Para dar a coñecer o conto, colocarase unha placa co código QR nas distintas parroquias para achegalo aos distintos puntos do municipio. Ademais, realizaranse contacontos nos centros educativos con marionetas con "Violeta e Mariño".

0
0
0
s2sdefault