Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DO BOULEVARD DE PORTONOVO ARRINCAN ESTE LUNS, PERO NON HABERÁ RESTRICIÓNS DE TRÁFICO ATA DESPOIS DE NADAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación dará comezo no tramo que vai desde a rotonda de entroncamento de Rafael Picó, estrada da Lanzada e vial provincial á Adina ata o desvío cara a Rúa Areal

As obras do boulevard de Portonovo arrincarán este luns cos traballos de replanteo e catas de terreo, pero non levarán restrición algunha no tráfico viario ata despois de Nadal co obxectivo de que non afecten a unha das campañas de vendas máis importante do ano. A actuación dará comezo no tramo que vai desde a rotonda de entroncamento de Rafael Picó, estrada da Lanzada e vial Provincial á Adina ata o desvío cara a Rúa Areal.

A adxudicataria da obra, Oresa Construción e Servizos Globais, executará a obra por 2.319.460,74 euros, o que supón un baixa respecto ao orzamento base de licitación de 9.315,10 euros cunha ampliación do prazo da garantía de catro anos. A actuación suporá unha profunda mellora do corazón comercial de Portonovo. Centrarase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.

A empresa delimita no seu cronograma 3 zonas ou fases de actuación. A primeira vai desde a rotonda de inicio dos traballos ata o mercado de abastos; a segunda, desde o mercado ata o cruce da Perla onde está prevista a construción dunha rotonda e a terceira, desde A Perla ata a nova rotonda de Canelas.

As obras tratarán de afectar o menos posible a veciños e negocios da contorna que sempre terán o acceso garantido, a pesar das molestias que poida xerar a obra. Tras o período do Nadal, habilitarase un carril único central no tramo incluído dentro da primeira fase para garantir o paso de vehículos de residente ou de servizos. Mentres que nas fases 2 e 3 estará o tráfico viario aberto en todo momento.

O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.

0
0
0
s2sdefault