Concello de Sanxenxo - SANXENXO PROGRAMA UN NADAL CON MÁIS DE 40 ACTIVIDADES DIFERENTES, RECUPERA A CABALGATA E MANTÉN AS RECEPCIÓNS A PAPA NOEL E OS REIS MAGOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O municipio despedirá 2022, por segundo ano consecutivo, cun espectáculo pirotécnico desde o porto deportivo

Sanxenxo vivirá un intenso Nadal cunha programación pensada para o desfrute de todas as idades e, de forma especial, da infancia. Máis de 40 actividades nas que non faltará a música, o teatro, o cine, os talleres, os xogos ou a maxia. A ambiciosa proposta da Concellería de Cultura, dirixida por Paz Lago, na que se recuperan as cabalgatas e mantéñense as recepcións a Papa Noel e os Reis Magos, realizadas durante a pandemia, contará tamén cun espectáculo de fogos artificiais para despedir o ano. A programación complétase coa implicación das asociacións e colectivos nas distintas parroquias. "O traballo conxunto de Concello e asociacións acada un dos obxectivos principais desta concellería que é chegar a todos os recunchos do municipio e facer participes a todos os veciños e veciñas dunha programación pensada e deseñada para desfrutar nestas datas, asegura Paz Lago.

A actividade arrincará co acto de aceso do Nadal o vindeiro sábado, ás 18 horas, na Praza dos Barcos. Un total 406 elementos decorativos LED que iluminarán 55.886 metros cadrados do municipio das sete parroquias. En Portonovo, a Asociación Rúa dos Viños tamén comezará coa súa programación de Nadal con mercadillos, talleres e música que se prolongarán ata o 7 de xaneiro. A Asociación Cultural os Cruceiros e as Mulleres Rurais A Candelaria converterán, os días 3 e 4, a Vilalonga nunha aldea do Nadal no aparcadoiro disuasorio enfronte da Praza Pública. Haberá concerto solidario, andaina, mercadilo e chocolatada. A recadación destinarase á Asociación contra o Cancro.

A Praza dos Barcos acollerá o 4 de decembro unha Búsqueda do Tesouro, unha actividade pensada para nenos e nenas, de 5 a 12 anos, entre as 11 e as 14 horas. Pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase Un conto de Nadal, un espectáculo musical-familiar coa Oca Band, no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. A entrada é gratuíta.

O 5 de decembro, véspera de festivo, a partir das 16,30 h a Praza dos Barcos encherase de xogos tradicionais para neno/as de 5 a 12 anos.

Un Bingo Solidario, o 6 de decembro, dará a coñecer o lado máis solidario de Sanxenxo no que colaborarán a Asociación Neen@s, Banco de Alimentos do Salnés, Cáritas, Asociación contra o Cancro e a Asociación Peludos Invisibles. A actividade dará comezo ás 12 e estenderase ata as 15 horas. Non faltará a música nin o aperitivo para os participantes. Pola tarde, un Obradoiro de repostaría fará voar a imaxinación dos máis pequenos con decoración de galletas de nadal.

Por primeira vez, o programa contará cunha actividade da Asociación Xuvenil A Esmorga que recreará desde o 6 de decembro ata o 7 de xaneiro na carballeira de Noalla un "Bosque de Nadal".

Os mozos terán unha cita coa música a través de DJs o día 7 de decembro de 18,00 a 24,00 h, a cargo de Groove Amigos, Jorge Álvarez, Adrián Gold, Zoe Rey e Marcos D.

O Trasno Fantástico volverá este Nadal e farao á Sala Nauta o próximo 8 de decembro, de 16:30 a 19:30 horas. O 9 de decembro, a Praza Pascual Veiga, acollerá o concerto de Terapia de grupo, de 20:30 a 22:30 horas.

O 10 de decembro, a Praza do Mar servirá de escenario para o Autocine de Nadal cunha película pensada para toda a familia, "Clifford, el gran perro rojo" ás 19 horas. O recinto contará con postos de palomitas e bebidas. Os máis pequenos terán unha cita coa maxia cun taller de manualidades o 11 de decembro. Ás 19 horas, o Usos Múltiples de Portonovo acollerá o tradicional Festival de Panxoliñas da Coral Polifónica Santa María de Adina en Portonovo.

O contacontos "Axouxeres e Panxoliñas de Nadal" chegará o 16 de decembro á Biblioteca de Portonovo, ás 17:30 horas. Para asistir será necesaria inscrición no teléfono 986 691 149. O 17 de decembro, o Pazo de Emilia Pardo Bazán acollerá o Festival Solidario de Paxoliñas organizado pola Asociación Neen@s e +QCantigas. Os Obradoiros de Nadal, para nenos de 3 a 12 anos, terán lugar na Casa de cultura de Adina, Pazo Emilia Pardo Bazán e Pavillón de Vilalonga entre o 23 e o 30 de decembro.

O 23 de decembro, a Asociación Cultural de Abiñadoira, a partir das 16:30 horas, levará á Praza de Pascual Veiga a actuación "Imos cantar xaneiras".

Recta final do 2022
O Concello aposta este ano por manter a Recepción de Papa Noel en Portonorte na Casa Mariñeira de Don Fernando o 24 de decembro a partir das 16:30 horas. Papa Noel chegará a Portonovo coa ciclocabalgata organizada polo Club Corbelo. O espazo da recepción de Papa Noel permanecerá aberta ao público ata o 8 de xaneiro. En Dorrón, a Asociación Cultural Soalleira organiza Panxoliñas co Apalpador a partir das 16 horas, en distintas zonas da parroquia.

A igrexa de Noalla acollerá como xa é tradición o Belén Vivente a partir das 12 horas o día 25 de decembro e, unha hora máis tarde na Escola Infantil de Aios. Dorrón despedirá o ano o 30 de decembro a partir das 20:30 horas.

Un ano máis, Sanxenxo potenciará o último día de 2022. Ao tradicional Fin de Ano adiantado na Praza Pascual Veiga, ás 12 horas, seguirá o Chapuzón Por unha Ilusión, iniciativa solidaria coa Fundación Aladina, na praia de Silgar a partir das 16:30 horas. Ás 20 horas un espectáculo pirotécnico invadirá o ceo de Sanxenxo para despedir o ano e dar a benvida ao 2023.

O 4 de xaneiro será o día da maxia. Pola mañá, o Pazo de Emilia Pardo Bazán acollerá talleres infantís con Pedro Volta e pola tarde, a partir das 18 horas, o espectáculo A maxia de Nadal.

O Concello manterá o 5 de xaneiro a Recepción Real na Sala Nauta, entre as 16:30 e as 19 horas, para a continuación saír en cabalgata concluíndo na lonxa de Portonovo pasando por Praza dos Barcos, Avenida do Porto, Paseo de Silgar, Avenida de Galicia, Rafael Picó e porto.
Noalla recupera tamén a súa Cabalgata de Reis que percorrerá a parroquia, e Aios contará o 6 de xaneiro con Belén Vivente e Cabalgata de Reis.

A Banda de Música de Sanxenxo encargarase de pór o broche de ouro á programación co Concerto de Reis, o 6 de xaneiro, ás 19:30 horas.

0
0
0
s2sdefault