Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A REFORMA DA PRAZA DO PAZO DE SANXENXO POR CASE 700.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución dos traballos estímase en 5 meses e afrontarase con fondos municipais

O Concello de Sanxenxo acaba de sacar a licitación a reforma da Praza do Pazo por 692.684 euros e un prazo de execución de 5 meses. A actuación coa que se busca humanizar e dar un maior dinamismo ao espazo acometerase con fondos municipais. O proxecto expón a creación de dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a interacción social e a actividade comercial da praza.

A actuación centrarase nos 2.371 metros cadrados da praza, mellorando tamén a conexión entre a Rúa dos Mariñeiros e Rúa Cesteiros, convertendo o espazo nunha zona polivalente con capacidade para 1.350 persoas. A vexetación cobra no proxecto especial relevancia como control solar e térmico polo que está prevista a plantación de árbores de folla caduca e a colocación de 10 chorros de auga a modo de fonte.

A plataforma horizontal maior destinarase principalmente a actividades e espectáculos ao aire libre. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid incluirá 3 zonas máis elevadas, a modo de bancadas, que xerarán bancos corridos con acabado en madeira.

En canto ao mobiliario da praza, contémplase a instalación de 15 luminarias de modelos diferentes que mellorará unha importante deficiencia actual do espazo e 6 bancos.

O proxecto acometerase tras a realización dun estudo de viabilidade co que se revisaron 113 vivendas e locais, ademais de fachadas e zonas comúns que rodean este espazo. Ademais, como a praza se atopa nas inmediacións do Pazo dos Duques de Patiño conta tamén co visto e prace de Patrimonio.

0
0
0
s2sdefault