Concello de Sanxenxo - TELMO MARTÍN E ETHEL VÁZQUEZ VISITAN AS OBRAS EN EXECUCIÓN DE SEGURIDADE VIARIA E PEONIL NA PO-504
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O investimento previsto nos traballos ascende a 1,2 millóns de euros

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitaron esta mañá as obras en execución de seguridade viaria e peonil na PO-504 que estarán concluídas este verán. Trátase de dúas actuacións que supoñen un investimento de 1,2 millóns de euros coas que se mellorará a comunicación e accesibilidade entre as vilas de Sanxenxo e Vilalonga. O alcalde agradeceu os traballos nunha "zona onde hai moitos hoteis e locais de hostalería e por onde pasean moitas persoas" e destacou que "a Xunta, concretamente esta Consellería, está a levar a cabo obras en Sanxenxo por case catro millóns de euros se sumamos a senda proxectada no enlace da autovía, a mellora da rotonda de Fontoira e o boulevard de Portonovo".

Pola súa banda, a conselleira destacou que as obras que están en execución na PO-504 son clave para a mellora da seguridade desta vía autonómica, en Sanxenxo, máis tendo en conta o tráfico da vía, que chega a superar os 12.000 vehículos/día, e é especialmente intenso no verán.

Vázquez Mourelle indicou que a primeira actuación, que comezou en setembro coas obras de mellora das beirarrúas ao longo de 3,8 km da PO-504, están a avanzar a moi bo ritmo. De feito, precisou, os traballos están executados ao 40%, e restan 400 metros para chegar á zona onde se vai a habilitar unha nova glorieta, no cruce da Vichona. O prazo de execución é de 6 meses, polo que antes da primavera estará finalizada esta mellora de beirarrúas na PO-504 cun investimento da Xunta de 222.000€.

Nesta intervención a Xunta está a executar un itinerario peonil continuo e accesible pola marxe esquerda da PO-504, ampliando as beirarrúas onde non dispoñen de ancho suficiente e construíndo novos tramos onde actualmente non as hai. Así, está a dotarse ese tramo da PO-504 de beirarrúas, en xeral, cun ancho de 2 metros, cun mínimo de 1,65 metros alí onde non hai espazo para máis. Tamén se renovan as baldosas que presentan deterioracións e estase elevando a súa cota onde é preciso.

A conselleira engadiu, ademais, que se aproveita esta intervención para reordenar o aparcadoiro existente na marxe esquerda e acométense actuacións complementarias, como a recolocación de semáforos e iluminación, a instalación de vallas de protección, novos sumidoiros e pintado e creación dun novo paso de peóns, no quilómetro 1+230 da estrada.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que, en paralelo a esta intervención, a Xunta comezou en novembro as obras de mellora da seguridade viaria en varios tramos con interseccións da PO-504, entre os lugares do Vinquiño e Gondar, catalogados como tramos de concentración de accidentes. Concretou que se está actuando, aproximadamente, entre o quilómetro 1 da estrada, na zona do Vinquiño, e o quilómetro 3, ao comezo de San Tomé de Gondar, coa reconfiguración do trazado e a renovación de 5 interseccións.

Ata agora, as obras para eliminar os puntos de concentración de accidentes identificados ao longo de case 4 km da vía centráronse na contorna da farmacia. A intervención, que supón un investimento da Xunta de 982.000€, ten un prazo de execución de 12 meses e a Xunta prevé acurtalo co obxectivo de finalizar os traballos para o verán.

Con respecto a esta intervención na PO-504, Ethel Vázquez destacou que a previsión é mellorar a seguridade viaria da actual intersección en "T" no inicio do tramo de actuación, na marxe esquerda da estrada, dotándoa de cuñas e carril central de espera, para garantir saídas e incorporacións máis seguras, así como a ordenación da intersección con dous camiños na marxe dereita, en torno ao quilómetro 1+300.

Ademais, a glorieta que se habilitará na intersección co camiño ao Santo, no cruce da Vichona. Esta glorieta, de 28 metros de diámetro exterior, ordenará os movementos das vías coas que entronca e permitirá o cambio de sentido dos vehículos en condicións seguras. Con esta intervención, concluíu, melloraranse as paradas de autobús, reforzarase a seguridade nos pasos de peóns e actuarase na sinalización de todo o tramo.
Ethel Vázquez enmarcou estas dúas novas actuacións en Sanxenxo nas dúas liñas prioritarias nas que está a traballar o goberno galego, o reforzo da seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica e a mellora da accesibilidade peonil nestas vías.

0
0
0
s2sdefault