Concello de Sanxenxo - A CONCELLERÍA DE CULTURA HABILITARÁ UNHA SALA DE ENSAIOS DE MÚSICA NUNHA DAS AULAS DO PRIORADO DE ARRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O investimento en mobiliario e o acondicionamento do espazo ascende a 21.675 euros dos que 8.000 serán subvencionados pola Xunta

A Concellería de Cultura habilitará unha sala de ensaios tanto para uso individual de músicos en formación como para grupos pop-rock nunha das aulas da planta baixa do Priorado de Arra. O departamento que dirixe Paz Lago dará resposta así a unha demanda cada vez maior por parte de máis dunha decena de grupos de músicos locais que non dispoñen dun espazo adecuado para poder desenvolver os seus proxectos.

O investimento total en mobiliario e acondicionamento da aula ascendeu a 21.675 euros dos que 8.000 foron subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o resto sufragáronse con fondos municipais. Entre as actuacións que se están realizando cabe destacar a instalación de trampas de graves, de paneis de absorción planos, de paneis de absorción con forma piramidal, de estores na parte baixa da xanela que eviten o rebote de son nos cristais e a instalación de moqueta. En canto ao equipamento, a sala contará cun piano dixital, amplificadores de guitarra e baixo, batería e sillín, así como caixas de inxección, mesa de son de 16 canles, sistema de gravación, 2 caixas de son con soportes, microfonía e auriculares, rack de madeira de 19" e micrófonos de ambiente. O obxectivo é culminar a instalación a principios do próximo ano.

O Concello de Sanxenxo dispón, na actualidade, dunha sala de ensaios no Pazo de Emilia Pardo Bazán destinada e acondicionada para acoller a actividade de formacións grupales da Escola de Música Municipal e os ensaios da Banda de Música de Sanxenxo. Neste espazo xa non teñen cabida outras formacións musicais xa que requiren dun equipamento de son e back line específico co que agora contarán no novo local de ensaio.

Nunha aposta clara polos grupos locais de música e sendo consciente das limitacións acústicas dos espazos actuais, a Concellería de Cultura quere apoiar o traballo destas agrupacións, que na súa maioría están formadas por xente nova, pondo á súa disposición un local adecuado onde poidan expresar a súa creatividade, inquietudes e manifestacións musicais. Un proxecto que completaría xa outras accións que se están levando a cabo desde o Concello con eventos como a Raiarock, o Entroidorock ou os Concertos da Cebola.

Ademais da creación deste espazo de ensaio, o obxectivo é ofrecer formación e exhibicións das creacións dos grupos aos usuarios desta sala, así como reforzar as sinerxías, non só entre o usuarios da sala, senón tamén con proxectos similares e eventos musicais locais.

0
0
0
s2sdefault