Concello de Sanxenxo - O CONCELLO COMEZA A RENOVACIÓN DO PECHE PERIMETRAL DO COLEXIO DO TELLEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O custo total da actuación rolda os 20.000 euros e está previsto que estea concluída para o inicio do segundo trimestre escolar

Os traballos para a renovación do peche perimetral do colexio do Telleiro deron comezo onte co desmonte do antigo valado. A obra consistirá na substitución dos tubos existentes que se atopan moi deteriorados debido á corrosión e os efectos da brisa mariña e a colocación dunha nova reixa ao longo de case 400 metros de lonxitude. Os tubos de soporte do peche serán de aceiro galvanizado para que sexa máis resistente ás inclemencias meteorolóxicas tendo en conta a proximidade do mar. O custo total da actuación rolda os 20.000 euros e está previsto que estea concluída para o inicio do segundo trimestre escolar.

No interior do centro educativo e grazas a un acordo entre o Concello e a Consellería de Educación está a levarse a cabo a substitución de luminarias e falsos teitos que mellorarán a eficiencia enerxética do centro e o illamento. Estes traballos chegan tras unha reforma eléctrica levada a cabo no colexio hai apenas dous meses valorada en 36.770 euros. A actuación realizouse tras o resultado da inspección de mantemento que realiza o Concello de Sanxenxo nos colexios públicos do municipio para garantir a seguridade e o perfecto funcionamento das instalacións.

Na revisión encargada a Enmacosa detectáronse circuítos eléctricos sen protección electromagnética, así como equipos de iluminación de emerxencia e proteccións diferenciais que non funcionaban correctamente. A actuación de modernización e reforma centrouse na modificación dos cadros de protección e un novo proxecto eléctrico que se tramitou na Consellería de Economía, Empresa e Industria.

Con estas actuacións e a renovación do peche exterior, complétase unha profunda reforma do colexio do Telleiro, un inmoble que se construíu en 1981.

0
0
0
s2sdefault