Concello de Sanxenxo - XUNTA E CONCELLO AVALÍAN AS NECESIDADES E MELLORAS NO COLEXIO DA FLORIDA XUNTO Á COMUNIDADE EDUCATIVA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O conselleiro de Educación e o alcalde realizaron un percorrido polos edificios do centro para analizar o estado das instalacións

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá acompañado do alcalde, Telmo Martín; a concelleira de Educación, Paz Lago e a comunidade educativa, o CEIP Plurilingüe A Florida para abordar as posibles melloras e necesidades do centro, un dos máis antigos do municipio con máis de 200 alumnos.

Román Rodríguez realizou un percorrido polos tres edificios que compoñen o colexio e o pavillón para escoitar as demandas á hora de planificar actuacións de futuro no centro. "Quero destacar o coidado das instalacións e a boa organización do equipo directivo. Actuaremos para que este centro siga a ser unha referencia para Sanxenxo e Galicia enteira", dixo. O alcalde agradeceu os investimentos da Consellería de Educación en Sanxenxo e a "excelente colaboración" entre administracións. Na mesma liña destacou que tras as importantes actuacións realizadas en centros como Vilalonga ou Portonovo "agora tócalle ao colexio da Florida".

Entre as actuacións da Consellería de Educación en Sanxenxo, cabe destacar a construción do novo colexio O Cruceiro (cun investimento de 5,25M€), a rehabilitación integral do colexio de Portonovo (con preto de 800.000 euros) e a substitución da cuberta do instituto de Vilalonga (365.000 euros). A Xunta leva investido preto de 6,4M€ en melloras educativas en Sanxenxo concentradas nos últimos dous anos, o que reflicte o compromiso do goberno galego coa comunidade educativa deste concello.

Román Rodríguez aproveitou para destacar o dinamismo deste centro, que participa en moitos dos programas educativos da Consellería, como é o caso do Club de Ciencia, Contratos Programa tanto no campo da Inclusión como da Innovación, o libro dixital E-dixgal ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

O colexio tamén é un dos seleccionados por Educación para a dotación do Polo Creativo, unha nova iniciativa posta en marcha por primeira vez este ano e que supón contar cun espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a resolución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Conta, ademais, cun auxiliar de conversación para levar a cabo o seu proxecto plurilingüe.

0
0
0
s2sdefault