Concello de Sanxenxo - A REFORMA INTEGRAL DO PAVILLÓN DE BALTAR AVANZA COA APERTURA DE VENTÁS E A CONSTRUCIÓN DO ASCENSOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A previsión é comezar en xaneiro coa execución da cuberta e a fachada transventilada do edificio

A reforma integral do pavillón de Baltar avanza. A empresa construtora encargada dos traballos xa realizou a apertura de ventás verticais ao longo da fachada traseira do edificio que comunica coa pista para achegar unha maior luminosidade natural ao espazo deportivo. Tamén executou o caixón de circulación do novo ascensor co que se dotará de accesibilidade as instalacións, así como a estrutura da pasarela que comunicará a saída do ascensor coa parte superior das bancadas. No interior, xa se procedeu á colocación das instalacións de fontanaría e electricidade no túnel dos vestiarios.

A previsión é que en xaneiro se dea comezo a execución da cuberta que se simultaneará con traballos interiores e coa colocación da fachada transventilada que permitirá mellorar o illamento térmico do edificio e a eficiencia enerxética. A obra que está financiada polo Concello de Sanxenxo e a Deputación suporá un investimento de máis dun millón de euros, dos que o organismo provincial achega 803.573 € e Sanxenxo 267.857 € mediante a firma do convenio do Plan ReacPon.

A actuación inclúe a colocación dunha nova pista de madeira de faia sobre dobre taboleiro contrachapado e apoiada sobre elementos de caucho. Este sistema xera unha cámara de aire entre o soporte e o pavimento de madeira, mellorando a práctica deportiva. O proxecto, tamén, contempla un novo tramo de escaleira que facilitará a evacuación en caso de emerxencia.

O equipamento deportivo inclúe a instalación dun xogo de canastras colgadas e motorizadas, cun taboleiro de metacrilato electrónico e aros basculantes. Finalmente, a actuación tamén resolverá un dos maiores problemas que presentaba o recinto, a súa mala acústica con novos elementos construtivos adecuados para reducir as vibracións das instalacións e o ruído reverberante.

0
0
0
s2sdefault