Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ULTIMA A COLOCACIÓN DOS TRES NOVOS COMPOSTEIROS EN BALTAR, NANTES E SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os operarios de Madeiras Doval executaron xa os tres peches e iniciaron a instalación dos depósitos

A Concellería de Medio Ambiente ultima a colocación dos tres novos centros de compostaxe en Nantes, Baltar e Sanxenxo, adxudicados por 41.824 euros, que se sumarán ao que existe actualmente no parque do Espiñeiro en Portonovo. Coa posta en marcha desta rede de composteiros comunitarios búscase reducir a materia orgánica que se envía a Sogama. O departamento que dirixe Juan Deza prevé deixalos instalados esta mesma semana.

Esta actuación está cofinanciada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation, ao 90%. O Concello deberá asumir o 10% da actuación e o custo do IVE. Dentro da subvención inclúese tamén a adquisición de dúas biotrituradoras por 48.689 euros para tratar os restos de poda e utilizalos como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios. Con estas dúas actuacións prevese reducir un 40% as emisións de gases efecto invernadoiro no municipio.

Cifras de residuos
Ata novembro, Sanxenxo contabilizou 10.119 toneladas de restos orgánicos, sendo os meses de xullo, agosto e setembro os de maior recollida deste tipo de residuos. Esta cifra supón un incremento de 279 toneladas respecto de 2021. En canto aos envases, acumuláronse 366 toneladas, 17 toneladas menos que o mesmo período do ano pasado e de papel, 535 toneladas, 3 toneladas menos. En canto ao vidro ata o undécimo mes do ano recolléronse 658 toneladas, 67 toneladas máis que o ano pasado por esas datas. En canto ao tratamento de voluminosos, recolléronse ata novembro 171 toneladas, 10 toneladas máis que no mesmo período de 2021.

Para fomentar e achegar a reciclaxe ás distintas parroquias, o Concello puxo en marcha en 2020 o punto limpo móbil. Con esta incorporación reforzouse a recollida selectiva de residuos que carecen dun sistema convencional para refugalos como baterías de teléfonos, toners, pilas, pequenos electrodomésticos ou algúns envases e residuos sólidos específicos. Para a xestión doutros residuos especiais, Sanxenxo dispón do punto limpo na parroquia de Padriñán e dun sistema de recollida de voluminosos, previa comunicación telefónica: 638 240 885 (de 9 a 14 horas de luns a venres)

 

subvención composteiros

0
0
0
s2sdefault