Concello de Sanxenxo - O TRÁFICO NO TRAMO EN OBRAS DO BOULEVARD DE PORTONOVO REGULARASE POR SEMÁFOROS PARA EVITAR O DESVÍO POR RAFAEL PICÓ
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



Goberno e empresa adxudicataria atoparon esta alternativa para xerar as menores molestias posibles

O tráfico no tramo das obras do boulevard de Portonovo regularase finalmente por semáforos para evitar o desvío pola Avenida Rafael Picó, a Rúa Espiñeiro e a Travesía Areal. Unha opción, esta última, que se aplicará se fose necesaria durante o transcurso das obras. O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá os traballos acompañado da concelleira de Planificación Territorial, María Deza, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro.


Neste encontro coa empresa, co obxectivo de xerar as menores molestias posibles a veciños e titulares de negocios, acordouse a regulación de tráfico con semáforo no carril central único que quedará habilitado a partir do mércores. Os peóns seguirán contando cun paso seguro pola zona de obras. Durante a noite e os fins de semana, apartaranse os valados, para que o viario recupere o dobre sentido do tráfico.

A adxudicataria iniciou esta mañá o groso da primeira fase dos traballos que comprende máis do 50% da actuación e que vai desde a rotonda do entroque con Rafael Picó ata o cruzamento con Travesía Areal. O cronograma dos traballos marca xuño como o final desta primeira fase da obra que se volverá a retomar tras o verán para non afectar á actividade turística e comercial. A actuación suporá unha profunda mellora do corazón comercial de Portonovo. Centrarase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.

O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública. A obra conta cun orzamento total de 2,3 millóns de euros.

0
0
0
s2sdefault