Concello de Sanxenxo - UN BELÉN CON CASE 300 BONECAS NO QUE SE RECREA A ACTIVIDADE E A VIDA DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O alcalde, Telmo Martín, visitou hai uns días o Nacemento situado no primeiro piso da Rúa Carlos Casas, 16

"O Belén de Sanxenxo", así se chama o nacemento que Paqui Carrera mantén aberto os 365 días do ano na súa vivenda da Rúa Carlos Casas, 16, e que xa recibiu a visita de centos de veciños e visitantes de dentro e fóra de España. Ademais, do tradicional portal, Carrera recrea algúns dos aspectos da vida e actividades do municipio sen esquecer a colectivos e persoas como a Asociación Cultural de Abiñadoira, Os Gatiños de Portonovo, o coñecido mariñeiro Antonio Martínez "Parapeta", o mercadillo de Baltar, veraneantes na praia de Silgar, as Mulleres Rurais de Sanxenxo... O alcalde, Telmo Martín, respondeu hai uns días á invitación e acudiu a visitalo. "É un traballo feito con moito mimo e con moito agarimo que animo a vir a coñecelo", dixo.

Foi fai nove anos cando, case por casualidade, comezou a creación deste Belén. Paqui comprou nun Todo a Cen unha boneca e con algunhas outras que lle cedeu a súa filla comezou a aventura. "Teño case 300 bonecas e bonecos vestidos todos por min. Non lles falta nin un detalle, ata teñen roupa interior", explica. A afección foi crecendo ano tras ano ata a actualidade na que xa ocupa toda unha habitación e parte doutra. "Son moitas horas de traballo, pero faime moita ilusión. Teño 80 anos, pero unha gran vitalidade e case todos os días do ano traballo nel", sinala.

O seu traballo como axudante dunha modista en Vigo, a súa cidade natal, e a crianza de cinco fillos, pero sobre todo, o seu gusto polas bonecas e o Nadal, fixeron que se manexe ben coa agulla, o bordado e o ganchillo. No seu Belén non falta a mercería de Loli nin tampouco unha sala de vacinación de Covid no que as máscaras fan á vez de traxes de médicos e enfermeiros, unha escola, palilleiras ou redeiras de Portonovo. Os que aínda non se pasasen polo número 16 da Rúa Carlos Casas poden facelo aínda. "Eu estou encantada de ensinalo a todo o mundo", asegura orgullosa.

0
0
0
s2sdefault