Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO RECIBIRÁ O PREMIO Q 2023 POR SER O MUNICIPIO LÍDER EN ESPAÑA EN SELOS DE CALIDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) recoñece o compromiso e aposta de Sanxenxo coa certificación

O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) distinguirá ao Concello de Sanxenxo co Premio Q 2023 na gala que se celebrará o próximo 19 de xaneiro na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, sede do Concello de Madrid no marco de Fitur. O instituto tamén distinguirá con estes prestixiosos galardóns ao Principado de Asturias, á Cueva de Nerja e ao Restaurante Temón de Roche, na provincia de Cádiz.

O ICTE recoñece "a aposta de Sanxenxo pola calidade das súas praias e dos seus portos deportivos", así como pola confianza que demostrou polo instituto desde 2014, ano no que comezou a certificar estes espazos turísticos. Hoxe en día é o municipio español con máis praias e portos deportivos (16 e 3, respectivamente) ten certificados co selo Q. A aposta pola excelencia, tanto desde o sector público como privado, levou a Sanxenxo a contar na actualidade con 59 insignias. A finais do pasado ano, o ICTE comunicaba ao Concello a certificación de catro novas praias: Area de Agra, Paxariñas, Bascuas e O Espiñeiro.

Estes premios entregaranse durante a celebración da Noite Q 2023, unha gala de turismo, presidida pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto e o presidente do ICTE, Miguel Mirones. O alcalde de Sanxenxo e responsable de Turismo, Telmo Martín, será o encargado de recoller o galardón que ten como obxectivo recoñecer o esforzo realizado tanto por institucións como por persoas físicas para impulsar as marcas Q de Calidade Turística, Safe Tourism Certified e S de Sustentabilidade Turística, os distintivos que xestiona o ICTE.

Desta forma, quere destacar como estas institucións, destinos e establecementos apostaron por prestar os seus servizos cos máximos estándares de calidade, seguridade e sustentabilidade, os eixos sobre os que se asenta o futuro do turismo en España. Este recoñecemento supervisa aspectos como as condicións hixiénicas das praias e as súas instalacións, o control dos chiringuitos, a accesibilidade, os servizos de seguridade e primeiros auxilios, a oferta de lecer e a información facilitada aos turistas, entre moitos outros.

0
0
0
s2sdefault